A Xunta Electoral Central ratifica a desestimación do recurso do PSdeG sobre o reparto de axudas asistenciais en Cuba

O PSdeG interpuxo recurso contra o acordo desestimatorio da Xunta Electoral Provincial do 14 de novembro.

A Xunta Electoral Central non aprecia vulneración do artigo 50 da LOREG, dado que as axudas se convocaron en decembro de 2010 e foron executadas por entidades bancarias sen presenza de persoal da Xunta de Galicia

Listen to this page using ReadSpeaker
23 de novembro de 2011.

Logo XuntaA Xunta Electoral Central desestimou o recurso interposto polo PSdeG contra o acordo da Xunta Electoral Provincial, de data 14 de novembro, en relación coa entrega por parte da Xunta de Galicia de cheques asistenciais a emigrantes en Cuba. Deste xeito, a Xunta Electoral Central confirma o acordo da Xunta Electoral Provincial da Coruña que desestimaba a reclamación efectuada polo PSdeG.

Na súa resposta, a Xunta Electoral Central sinala que non cabe apreciar vulneración do artigo 50 da LOREG na medida en que quedou acreditado que o programa de axudas obxecto de recurso foi convocado en decembro de 2010 e foi executado por entidades bancarias sen presenza nin do secretario xeral da Emigración nin de persoas dependentes da Xunta de Galicia.

Así mesmo recolle que, segundo indica e precisa o informe da Xunta Electoral Provincial, o programa de axudas vén realizándose ininterrompidamente desde 1990, e o plan de datas e lugares foi establecido o 30 de xuño de 2011. Segundo recolle a resolución da Xunta Electoral Central “non tería sido posible a suspensión das entregas de axudas asistenciais sen grave quebranto para as persoas receptoras, dadas as necesidades imperiosas que estas padecen”.

Desde a Secretaría Xeral da Emigración valórase moi positivamente a rápida resposta dos órganos electorais, e lémbrase que desde o primeiro momento se defendeu a legalidade e transparencia da iniciativa, por canto os prazos e sistema de reparto das axudas se estableceron con moita anterioridade á convocatoria das eleccións, se fixeron en datas similares ás de anos anteriores, e polo mesmo persoal que o fixo en distintas lexislaturas e gobernos, segundo consta no informe levado pola Secretaría á Xunta Electoral.

971 lecturas