O Parlamento de Galicia concede a súa Medalla 2019 á emigración galega

O recoñecemento será entregado, o vindeiro 6 de abril, ás entidades que integran a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas.

Imaxe de arquivo do XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas, máximo órgano de representación da diáspora galega, celebrado en 2016 na Habana
Imaxe de arquivo do XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas, máximo órgano de representación da diáspora galega, celebrado en 2016 na Habana
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2019.

O Parlamento galego vén de conceder, por acordo da súa Mesa deste 11 de marzo, a Medalla do Parlamento de Galicia 2019 á emigración galega. Recollemos aquí un extracto do acordo do Lexislativo galego:

Ao abeiro do establecido no artigo 11 do Regulamento das distincións e condecoracións do Parlamento de Galicia, a Presidencia da Cámara proponlle á Mesa do Parlamento de Galicia a concesión da Medalla do Parlamento de Galicia 2019 á emigración galega no seu conxunto.

Aínda que a emigración foi un fenómeno moi estendido en Europa, acadou en Galicia unha enorme magnitude, ata o punto de que as taxas migratorias de Galicia tan só foron superadas polas de Irlanda.

Trátase dun fenómeno complexo, de múltiples causas —económicas, fundamentalmente, mais tamén doutros tipos— e con consecuencias múltiples en todos os ámbitos.

Durante moito tempo, na práctica, a xente da Galicia rural só tiña ao seu alcance dúas opcións de futuro: a emigración ou dedicarse á agricultura e á gandaría de subsistencia, cando a presión demográfica o permitía.

Para ben ou para mal, a historia contemporánea de Galicia non se entende sen a emigración, que deixou pegadas en practicamente todos os ámbitos: na economía, nas artes plásticas e nas letras, na educación ou en tantos outros.

Desde a emigración chegaron a Galicia remesas económicas coas que paliar penurias, na emigración floreceron a lingua e a cultura galegas, editáronse libros, impulsouse a construción de escolas, estreouse o Himno de Galicia, mantívose aceso o espírito democrático,... A Galicia territorial está en débeda con todas as galegas e galegos que nalgún momento das súas vidas, no pasado recente ou remoto, transitaron polo camiño da emigración, ben cara a destinos de ultramar ben a Europa ou a diferentes puntos da península Ibérica.

O apego á terra que os centos de milleiros de galegos que aínda residen no exterior senten desde o primeiro día que deixaron Galicia, lonxe de diminuír, medrou co paso do tempo, e este vínculo coas súas raíces ten vertentes tanto sociais como económicas e culturais. A promoción que os galegos que viven fóra das nosas fronteiras fan diariamente dos nosos costumes, das nosas raíces e da nosa realidade social e empresarial constitúe un dos maiores activos que ten Galicia no estranxeiro. A visibilidade que lle outorgan á súa terra de orixe sitúa Galicia no mapa do mundo cunha intensidade e un realismo difícil de acadar sen o altruísmo e a honestidade que lle imprime a nosa diáspora.

Mesmo agora os galegos do exterior están a representar de novo un papel fundamental no presente de Galicia, desta volta co seu retorno. A comunidade ten na diáspora espallada por todo o mundo un aliado chave á hora de superar o complexo reto demográfico ao que se enfrontan moitas rexións de España. Converter a nosa terra nun destino de oportunidades para todos os galegos que viven fóra das nosas fronteiras está a ser posible grazas á colaboración tanto dos que xa volveron como dos que traballan cada día por manter máis vivos ca nunca os lazos de Galicia coa súa diáspora.

Resulta de xustiza, xa que logo, que a distinción institucional que cada ano concede o Parlamento de Galicia recoñeza a grande epopea migratoria do pobo galega, que tivo como protagonistas centos de milleiros de homes, mulleres e nenos que atravesaron medio mundo na procura dun futuro mellor, buscaron a integración social nun ambiente moitas veces hostil e sempre descoñecido, e traballaron sen desmaio mantendo sempre viva a memoria da súa Galicia natal, que cultivan e transmiten con mimo de xeración en xeración.

A Medalla do Parlamento de Galicia 2019 será entregada ás entidades que integran a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, órgano que asume as funcións do Pleno do Consello de Comunidades Galegas cando este non estea reunido (reúnese cada tres anos). O Consello de Comunidades Galegas é o órgano colexiado de representación e de participación das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia e desempeña funcións consultivas e de asesoramento á Administración autonómica en materia de emigración e galeguidade. Foi creado pola Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, aprobada polo Parlamento de Galicia.

A elección da composición da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas correspóndelle ao Consello de Comunidades Galegas, conforme o procedemento establecido pola Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e sen intervención da Administración pública. Estímase, ávista destas razóns, que a Medalla do Parlamento de Galicia 2019 á emigración galega debe ser entregada ás entidades que integran a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas.

22308 lecturas