O Consello da Xunta aproba o regulamento de funcionamento do Consello de Comunidades Galegas, que representa a un millón de galegos e galegas residentes fóra da comunidade autónoma

O Goberno galego aprobou, en aplicación da nova Lei de galeguidade, o recoñecemento de 6 comunidades galegas que forman parte das 156 entidades inscritas no rexistro correspondente, das cales 108 pertencen á tipoloxía de ‘comunidades galegas’.

Estas actualizacións permiten profundar nunha mellor relación coas galegas e os galegos do exterior, tanto para facilitar a súa participación na vida de Galicia, como para que Galicia poda aproveitar a potencialidade dos seus cidadáns e as súas cidadás residentes no exterior.

O presidente da Xunta, durante a rolda de prensa posterior ao Consello
O presidente da Xunta, durante a rolda de prensa posterior ao Consello
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2015.

O Consello da Xunta vén de acordar o decreto polo que se regula o funcionamento do Consello de Comunidades Galegas, órgano que representa ás e aos 500.000 galegos e galegas residentes fóra de España e a un número similar de residentes noutras comunidades autónomas.

O decreto hoxe aprobado polo Executivo galego fai efectiva e aumenta a participación activa das comunidades galegas desenvolvendo así o mandato do Estatuto de Galicia, que no seu artigo 7 recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra do territorio “o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego mediante o recoñecemento da súa galeguidade, cuxo alcance e contido será regulado por lei do Parlamento”.

Do Consello de Comunidades Galegas forman parte todas as comunidades galegas legalmente recoñecidas no mundo. Entre plenarios (que se celebran cada tres anos), está representado pola Comisión Delegada, que está formada por doce membros elixidos democraticamente, catro en representación de cada área xeográfica determinada: resto de España, resto de Europa, e América. O próximo plenario, que se celebrará nos vindeiros meses, entre outras misións, renovará este órgano.

Novidades
Entre outras novidades, refórzase o carácter representativo da Comisión Delegada, e achéganse os órganos de representación da diáspora á súa realidade actual. Isto conséguese pola actualización dos baremos de representación destas comunidades e a forma de elección dos seus representantes, facendo estes baremos máis próximos á realidade destas comunidades mediante a introdución do voto ponderado.

Outras novidades do texto hoxe aprobado é que regula como se desenvolven as sesións, comunicacións e relatorios durante os plenarios; protocoliza os procedementos de votación para elixir os membros da Comisión Delegada (ata o de agora non existía regulamento por escrito); establece que as comunidades galegas elaboren informes e consultas previos á aprobación polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia do recoñecemento da galeguidade ás entidades galegas asentadas fóra de Galicia; e describe outros aspectos organizativos internos, como quen, cando e como, e en que prazos debe convocar os órganos de representación.

Cómpre salientar que o decreto respecta e asume, nos aspectos que regula, as demandas dos propios representantes da diáspora.

Rexistro de comunidades
A reunión do Executivo galego decidiu tamén para dar o visto e prace ás comunidades galegas recoñecidas oficialmente que se incorporan ao Rexistro da Galeguidade, proceso sempre aberto e permanentemente revisable, segundo se establece na Lei que a regula. O Rexistro establece diferentes tipoloxías e recoñece de oficio a cada entidade a tipoloxía que tiña previamente á entrada en vigor da nova Lei de galeguidade, agás no caso de que solicitase unha revisión ou que se vise afectada por un proceso de unión.

Así, dentro da primeira tipoloxía, a de ‘comunidade galega’, recoñécense a ‘Sociedad La Aurora de Somozas’da Habana (Cuba) e a ‘Asociación Cultural As Xeitosiñas’de Zürich (Suíza). Estas entidades non son novas -atesouran máis de 100 e máis de 30 anos, respectivamente- pero segundo a anterior lexislación entraban noutra tipoloxía.

Ademais, incorpóranse ao Rexistro outras catro comunidades, que son froito de respectivos procesos de unión: o Centro Galego de Nuremberg (Alemaña), a Asociación Centro Galego e Casas de Galicia de Barcelona e Provincia (Barcelona), a Xuntanza de Asociacións Galegas en Cataluña, e a Unión de Asociacións Galegas en Catalunya.

Na data actual existen en todo o mundo 156 entidades con recoñecemento no Rexistro da Galeguidade, das cales 108 son comunidades galegas.

1449 lecturas