O musical “Galicia Caníbal”, que coproduce a Consellería de Cultura e Educación, iniciou dous meses de representacións en Madrid
Tras a súa xira galega de verán, chega ao Novo Teatro Alcalá para ofrecer un total de 68 funcións ata o 28 de outubro.
Filmanova Invest e Estrella Galicia presentan este espectáculo, que traslada ao xénero musical a movida galega dos anos oitenta cos éxitos de Siniestro Total, Os Resentidos, Golpes Bajos e Aerolíneas Federales, entre outros.
A Consellería colabora a través da Agadic na cesión de medios técnicos e humanos a este proxecto, realizado a partir dunha idea orixinal de Antón Reixa con dirección escénica de Quico Cadaval e musical de Pablo Novoa.
O musical Galicia Caníbal, producido por Filmanova Invest e Estrella Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, comezou este xoves una estadía de dous meses no Novo Teatro Alcalá de Madrid, onde permanecerá ata o 28 de outubro para ofrecer un total de 68 funcións.
Trala súa xira galega de verán, o público madrileño terá a oportunidade de gozar dunha posta en escena que traslada ao xénero musical a chamada “movida” galega dos anos oitenta a través dos éxitos de grupos como Siniestro Total, Os Resentidos, Golpes Bajos ou Aerolíneas Federales, entre outros. Baixo a dirección de Quico Cadaval (escena) e Pablo Novoa (música), un amplo elenco de 10 actores e actrices, 8 bailaríns e bailarinas e 5 músicos en directo dá vida a este espectáculo, realizado a partir dunha idea orixinal de Antón Reixa que foi plasmada no libreto asinado conxuntamente por Fran Peleteiro e Antela Cid.
A contribución da Consellería de Cultura e Educación a este proxecto consistiu na posta a disposición de diferentes medios técnicos e humanos durante o proceso de produción. Así, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colaborouse directamente con Filmanova na cesión de distintos espazos para a celebración de ensaios e audicións, así como na prestación de sistemas de iluminación e son, materiais escenográficos e atrezzo, entre outros.
O espectáculo galego do ano
O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, participou en Madrid na presentación en rolda de prensa de Galicia Caníbal. O musical, versión en castelán do que é –en palabras de Fasero– “o espectáculo galego do ano” e que vén de obter unha entusiasta acollida durante as súas representacións en Vigo, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa e A Coruña.
Ademais de facer fincapé na calidade desta “produción cen por cen galega”, o director da Axencia avogou por impulsar esta fórmula de coprodución a través da que a optimización dos recursos públicos reverte directamente nunha redución dos custos finais para a iniciativa privada, neste caso a través da achega de medios técnicos e humanos por parte da entidade da Consellería de Cultura e Educación.
Juan Carlos F. Fasero acompañou ao equipo desta montaxe no seu encontro cos medios madrileños, no que tamén participaron o produtor Antón Reixa, de Filmanova; Pepe Cabanas, de Estrella Galicia; o empresario teatral Enrique Salaberría, de SMedia, o director Quico Cadaval e os integrantes do elenco actoral: Ana San Martín, Teté Delgado, Sergio Zearreta, José Carlos Illanes, Víctor Mosqueira, María Costas, Iván Marcos, Juanillo Esteban, Rosalía Castro e Iolanda Muíños.
Galicia Caníbal ofrece máis de dúas horas de espectáculo musical, durante o que estes 10 intérpretes actúan, cantan e bailan en oito decorados diferentes e acompañados sobre o escenario por 8 bailaríns e bailarinas e unha banda de cinco músicos.
Hits dos oitenta
Xunto con eles e elas, o público percorre unha época mítica que catapultou a toda unha xeración de músicos galegos e galegas a través de hits como Bailaré sobre tu tumba de Siniestro Total; Sitio distinto, Sector naval e Galicia Caníbal dos Resentidos, Malos tiempos para la lírica e Fiesta de los maniquíes de Golpes Bajos, ou No me beses en los labios e Soy una punk de Aerolíneas Federales, entre moitos outros.
Durante a súa estadía no Novo Teatro Alcalá, a montaxe ofrecerá sete funcións semanais (de martes a venres ás 20.30 horas, sábados ás 18.00 e 22.00 h e domingos ás 19.00 h), para as que se poden adquirir entradas a través da web www.entradas.com, do teléfono 902 488 488 e do servizo de billeteira de El Corte Inglés. De volta a Galicia a partir de novembro, Galicia Caníbal. O musical ten previsto visitar tamén Monforte, Pontevedra e Ourense.
Novas relacionadas






