O Centro Dramático Galego convoca un proceso de selección de dez actores-cantantes para “A ópera dos tres reás”.

Elixiranse mediante audición os intérpretes de cinco papeis masculinos e outros cinco femininos para integrar o elenco encabezado por Luis Tosar como protagonista.

As probas celebraranse a partir do día 21 diante dun tribunal do que formarán parte Quico Cadaval, director escénico da montaxe, e Carlos Ariel Gracia, director musical.

O prazo de recepción de solicitudes remata este xoves día 10.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Centro Dramático Galego acaba de iniciar o proceso de selección do elenco da súa próxima produción, o musical A ópera dos tres reás, coa convocatoria dunha audición pública para elixir os cinco actores-cantantes e as cinco actrices-cantantes que, xunto con Luis Tosar no papel protagonista, interpretarán esta versión da famosa obra de Bertolt Brecht e Kurt Weill. As probas celebraranse en Santiago de Compostela a partir do 21 de febreiro diante dun tribunal do que  formarán parte Quico Cadaval, director escénico do espectáculo, e Carlos Ariel Gracia, director musical.

Os interesados teñen de prazo ata este xoves día 10 para remitir ao CDG as súas solicitudes, seguindo as indicacións da convocatoria publicada nas webs www.centrodramatico.org e www.agadic.info e acompañándoas, en todo caso, dun currículo no que consten “estudos ou experiencia acreditada” tanto en interpretación como en canto. Os responsables da dirección escénica e musical desta próxima produción da compañía pública serán, así mesmo, os encargados de preseleccionar os aspirantes que finalmente participarán nas audicións de acordo con criterios de “idoneidade dramatúrxica”, así como de “experiencia teatral e musical”.

Musical de gran formato
Coincidindo coa celebración do Ano Internacional da Música, o Centro Dramático Galego enfronta a posta en escena dun espectáculo musical de gran formato a través do que actualizará esta coñecida ópera paródica, ambientada nun submundo de marxinalidade e delincuencia. Os ensaios da que será a súa segunda produción da temporada 2010-2011 darán comezo no mes de abril cara á súa estrea a finais de xuño en Santiago de Compostela.

Baseada na peza do dramaturgo inglés John Gay A ópera do mendigo (1728), a obra constituíu o éxito teatral máis importante de Brecht. Ás formulacións escénicas do dramaturgo alemán uniuse unha fascinante partitura composta polo seu compatriota Kurt Weill, na que incorporou cabaré, jazz e música culta, aínda que satirizada. Algúns dos seus temas musicais adquiriron grande éxito por si mesmos, como A balada de Mackie o Navalla, Jenny a dos piratas, A canción dos canóns, Barbara song ou A balada do bordel, inmortalizados por grandes figuras da música internacional.

1464 lecturas