O Lar Galego de Sevilla celebra o Día das Letras Galegas 2016 con numerosos actos
A escritora sevillana Elena Marqués Núñez ofreceu unha conferencia sobre o homenaxeado Manuel María.
Fállase o VIII certame de relatos curtos “María Teresa Rodríguez”, con máis dun milleiro de participantes de todo o mundo.
Esta edición do premio, dotado con 1.000 euros, gañouna o escritor madrileño José Luis Hernández Garvi, co seu relato “Lejos de Escocia”.
A xove escritora de 18 anos Sara Romero Otero tamén presentou a súa novela “Feroces como el viento” no Lar Galego.
- Elena Marqués Núñez disertou sobre Manuel María, o homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016. Con ela, Alfredo Otero, presidente do Lar, e Sandra Rodríguez, vogal da entidade galega na capital andaluza
- A celebración do Día dos Letras Galegas 2016 no Lar Galego de Sevilla desenvolveuse ao longo de tres días
- José Luis Hernández Garvi, con 'Lejos de Escocia', gañador da VIII Edición do Certame de Relatos Curtos "María Teresa Rodríguez"
- A xove escritora -18 anos- Sara Romero Otero presentou a súa novela 'Feroces como el viento'
Co gallo do Día das Letras Galegas, que celebra cada ano o Lar Galego de Sevilla, resólvese o fallo da VIII Edición do Certame de Relatos Curtos “María Teresa Rodríguez”. Este Certame conságrase como un dos máis importantes da capital hispalense, pola súa dotación económica e pola cantidade de participantes. Nesta edición de 2016 recibíronse máis dun milleiro de obras dos cinco continentes.
Por unanimidade do Xurado, o relato gañador foi Lejos de Escocia, do escritor e historiador madrileño José Luis Hernández Garvi. A obra emprega unha coidada linguaxe literaria que permite percorrer unha vida axitada, unha guerra feroz e unha morte épica nun equilibrio preciso entre a emoción e a beleza. Tal como se conta no relato, resulta realmente fermoso morrerse lonxe de Escocia, sobre o Guadalquivir. Hernández, con familia hispalense, percorre e cita varios lugares sevillanos.
Ademais deste recoñecemento, o xurado fixo unha mención especial a un segundo relato, titulado Jeroglíficos, do autor Julián Granado Martínez, de Sevilla. Esta obra, nun xogo deliciosamente anacrónico, con linguaxe de atestados policiais e sentenzas xudiciais dos nosos días en pleno reinado do faraón Amenofis, constitúe unha divertida metáfora dos límites da xustiza nun contexto de corrupción.
O Día das Letras Galegas celebrouse con numerosos actos no Lar Galego de Sevilla, entre eles a conferencia da escritora sevillana, Elena Marqués Núñez, quen disertou sobre Manuel María, escritor galego homenaxeado este ano pola Real Academia Galega.
Tamén a xove escritora -de 18 anos- Sara Romero Otero presentou a súa novela Feroces como el viento no Lar Galego. A escritora cando contaba con tan só quince anos, a partir dun proxecto persoal co que finalizou os seus estudos de Secundaria, escribiu o libro de relatos Feroces como el viento, que recolle historias de valentía, sacrificio e, a miúdo, tráxicos desenlaces. Con el obtivo ex-aequo o Premio Especial Anaya de Creatividade Literaria, convocado polo Colexio San Viator de Madrid na súa XIX edición. A obra, editada por ExLibric, expón algunhas das historias que se coñecen sobre a oposición ao réxime nazi ao longo de toda Europa durante os anos da Segunda Guerra Mundial.
Vivíronse tres días en Sevilla con aire galego coa intervención do grupo 'Aquitania', que deleitou cun repertorio baseado en Cantigas de Martín Códax e Cantigas de Santa María, ante máis dun cento de persoas.
O Día das Letras Galegas é un acto que cada ano cobra en Sevilla maior recoñecemento.
Fonte e fotos: Lar Gallego de Sevilla
Novas relacionadas