O especial “Historias de ida e volta” documenta en vinte imaxes o secuestro do transatlántico Santa María

Este especial é un proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX.

Buque transatlántico Santa María, Tenerife, ca.1970
Buque transatlántico Santa María, Tenerife, ca.1970
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022.

A entrega de febreiro do especial Historias de ida e volta, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, documenta, nesta ocasión, o secuestro do Santa María.

Un transatlántico con 650 pasaxeiras e pasaxeiros. Tres homes: excapitán Henrique Galvao, Xosé Velo Mosquera e José Fernando Fernández Vázquez, chamado comandante Sotomayor. E unha causa: a denuncia das ditaduras de Franco e Salazar. A coñecida historia do secuestro do Santa María ocupa unha nova entrega do proxecto Historias de ida e volta, iniciativa do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Secretaría Xeral da Emigración. Vinte imaxes e documentos procedentes deste arquivo ofrecen unha nova lectura dun episodio da nosa historia recente que deu a volta ao mundo.

Chamouse a Operación Dulcinea e pretendía chamar a atención sobre as ditaduras ibéricas co secuestro dun transatlántico. A historia, que deu lugar a documentais e películas sobre o tema, ofrécese agora a través de vinte imaxes que proceden de fondos e coleccións depositadas no Arquivo da Emigración Galega. 

A escolma do material ofrece imaxes do transatlántico; do folleto co que a navieira, a compañía portuguesa Companhia Colonial de Navegaçao, cubrían a chamada ruta caribeña, con amarres nos portos de Vigo, Lisboa, Madeira, Tenerife, A Guaira en Venezuela, Curaçao, San Xoán de Porto Rico e Miami. No folleto pode verse como ofertaba unhas instalacións modernas e de gran calidade, con capacidade de máis de 1100 pasaxeiras e pasaxeiros e unha tripulación de 355 persoas para atendelos coa maior eficacia; un billete e unha imaxe da cafetería.

E o especial inclúe o Jornal do “Santa Maria”, publicado pola tripulación do barco para as e os pasaxeiros da nave co obxectivo de informalos das actividades organizadas para o seu desfrute, ademais de dar consellos de boas maneiras para ter unha boa viaxe e notas de cociña, textos literarios ou noticias de deportes.  Neste especial aparece o número redactado polo comando que secuestrou o buque e que se distribuíu ás e aos pasaxeiros o día 24 de febreiro. Nel infórmase sobre as intencións do secuestro e defenden a lexitimidade do secuestro político do buque e da súa loita contra o réxime de Salazar. Para tranquilidade dos pasaxeiros e pasaxeiras, deixa claro que as e os que o desexarán poderían desembarcar nun porto neutral sen ningún tipo de dano. No escrito aparece que o comando estaba ao mando do Capitán Henrique Galvâo, como representante do xeneral Humberto Delgado, presidente electo de Portugal, e do DRIL. 

O especial inclúe tamén imaxes dos dous galegos, Xosé Velo e de de José Fernández Vázquez, máis coñecido como Comandante Jorge de Sotomayor. Ademais, deste último tamén se amosa o seu pasaporte.

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En catorce especiais documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

Ligazóns relacionadas: consellodacultura.gal

461 lecturas