O especial “Historias de ida e volta” amosa o papel das sociedades microterritoriais de emigrantes na Arxentina

Sociedad Saviñao y sus Contornos, anos 40. Fondo: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega
Sociedad Saviñao y sus Contornos, anos 40. Fondo: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de maio de 2023.

O especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, chega documentando o papel das sociedades microterritoriais de emigrantes na Arxentina.

Arxentina foi un país de acollida para milleiros de emigrantes e exiliados galegos e galegas que, desde a outra beira do Atlántico, participaron activamente na configuración social e política de Galicia. No territorio austral, puxeron en marcha un importante movemento asociativo co que buscaban a integración dos e das emigrantes, ao tempo que procuraban preservar a identidade cultural galega. O novo especial de "Historias de ida e volta", proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, leva por título As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina e amosa en vinte imaxes e documentos algún exemplos representativos destas sociedades.

“Podemos observar como as estatísticas migratorias arxentinas proporcionan cifras asombrosas referidas ao volume de galegos e galegas que arribaron á terra porteña”, subliña o especial, que dá dous datos relevantes: entre os anos 1857 e 1930, dos dous millóns de españois e españolas que chegaron a terras arxentinas, máis da metade eran de Galicia, mentres que na vaga que se produciu entre 1946 e 1960 emigraron ao país austral máis de 100 000 galegos e galegas. Aqueles e aquelas que primeiro emprenderan a aventura migratoria ocupáranse de tecer redes de apoio e solidariedade entre os e as emigrantes que “servían de guía aos que acababan de chegar” e que deron lugar a un importante movemento asociativo. “Os emigrantes galegos utilizaron todas as modalidades de procedencia territorial —rexional, provincial, comarcal, local e mesmo parroquial— á hora de crear asociacións étnicas espalladas polo territorio arxentino”, continúa.

A entrega número 28 de "Historias de ida e volta" afonda neste tipo de asociacións étnicas, “que proliferaron en Arxentina como representantes dun partido xudicial, concello ou parroquia galegos”. Procurar o benestar das súas comunidades de orixe e contribuír ao desenvolvemento de proxectos na súa terra natal eran os obxectivos destas sociedades, que foron a cerna da construción das primeiras escolas, cemiterios e lavadoiros públicos nas parroquias galegas. Ademais, destaca tamén a participación que tiveron en iniciativas de carácter político, como as campañas en apoio a refuxiados ou pola defensa da España republicana. Porén, polo seu carácter microterritorial, algunhas destas sociedades escindíronse ou uníronse con outras homólogas. “Moitas delas ingresaron na Federación de Sociedades Gallegas ou quedaron diluídas no Centro Galego de Bos Aires, segundo os seus intereses e ideais políticos”, explica o especial. Este foi o caso, por exemplo, do Centro Recreativo del Partido de Becerreá, que, tras a súa creación en 1927, pronto pasou a integrarse na Federación de Sociedades Gallegas, coa que compartía un ideario republicano e agrarista.

Formar parte da directiva dunha destas asociacións era un modo de reafirmar o ascenso social e económico das e dos emigrantes no país de acollida. A fotografía dos directivos da sociedade Chantada y su Partido e as das comisións do Centro Redondela y su Distrito e da Sociedad Saviñao y sus Contornos forman parte das imaxes que se inclúen neste especial, no que tamén se recollen outras da masa asociativa de entidades como o Centro Partido de Carballino.

A celebración de reunións festivas era unha práctica habitual nestas sociedades, pois contribuían a manter os vínculos de amizade e veciñanza entre as e os membros e a preservar os patróns culturais dos seus lugares de orixe. A modo de exemplo, a nova entrega incorpora a imaxe dunha festa organizada pola sociedade Hijos de Silleda de Protección Mutua, así como a invitación á Romería Gallega da Unión Residentes de Santiago de Compostela. A música galega erixiuse, así mesmo, como un sinal de identidade cultural alén mar, polo que algunhas sociedades crearon os seus propios coros. Foi o caso de Parroquias Unidas del Ayuntamiento de Rianjo e o seu Coro Castelao. Ademais, estas asociacións étnicas tamén adoitaban organizar homenaxes a veciños ilustres, como a realizada polos socios e socias de Hijos de Rianjo a Castelao.

Á marxe de fortalecer os vínculos sociais e culturais, o especial recolle o papel que estas entidades tiveron en causas de carácter político, como a Sociedad Residentes del Municipio de Porriño, destacada polo apoio material prestado para a campaña de solidariedade co bando republicano na Guerra Civil española.

A entrega compleméntase con outras imaxes que recollen os estatutos que rexían o funcionamento destas entidades ou as asembleas xerais que organizaban con carácter periódico. Ademais, tamén deixa constancia das importantes achegas que fixeron para a construción de escolas nos seus concellos natais, como a creada pola Unión Hispanoamericana Pro-Valle Miñor na parroquia da Ramallosa.

O proxecto "Historias de ida e volta"
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial "Historias de ida e volta" para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de vinte entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

480 lecturas