O especial “Historias de ida e volta” de maio documenta a prensa da emigración galega

Este especial é un proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos séculos XIX e XX.

Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas, 1970)
Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas, 1970)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023.

O especial Historias de ida e volta, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, chega a maio documentando o labor editorial da prensa da emigración.

No último terzo do século XIX, as asociacións de emigrantes galegas e galegos iniciaron un importante labor editorial ao pór en marcha diferentes xornais, boletíns e revistas. Ademais de manter informada a colectividade, estas publicacións contribuíron a crear unha conciencia política e cultural propia para os e as galegas. O especial Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, escolma algunhas das cabeceiras editadas polas sociedades de emigrantes en América e Europa durante o século XX. 

“Unha das características da nosa emigración foi o seu esforzo de integración nas sociedades de acollida mais sen esquecer a defensa da súa propia identidade cultural”, comeza o especial. Nese afán por protexela, “algúns sectores da elite da colectividade emigrada iniciaron no último terzo do século XIX un labor propagandístico e informativo coa edición de xornais e revistas”, continúa. Hoxe en día, estas publicacións dan testemuño da importancia que tivo o fenómeno migratorio, ao tempo que reflicten a súa evolución e as principais características das e dos seus protagonistas. 

As cabeceiras fundadas polas asociacións de emigrantes tiñan como obxectivo informar das actividades organizadas pola entidade e dar conta do seu funcionamento. Entre as súas páxinas tamén se reproducían noticias sobre Galicia, así como fotografías e artigos arredor das súas paisaxes, do seu patrimonio ou das figuras máis relevantes da súa cultura. Ademais,  destaca a presenza galega nos títulos das publicacións, “que nos retrotraen á nosa patria e á nosa lingua” con termos como ‘Galicia’, ‘gallego’, ‘adiante’, ‘airiños’, ‘terra’, ‘alborada’ ou ‘saudade’, como explica o especial. De feito, a primeira publicación galega editada alén mar divulgouse baixo o título de La Gaita Gallega (A Habana, 1872). 

A entrega número 29 de Historias de ida e volta, titulada “Voceiros da colectividade galega na emigración”, escolma algunhas destas revistas e diarios co fin de amosar como eran as “publicacións feitas polas asociacións dos e das emigrantes galegas nos principais países de acollida durante o século XX”. Comeza coa revista Galicia, voceiro oficial do Centro Galego de Bos Aires, que sobresae pola calidade dos seus artigos arredor da cultura, a política, a economía, o patrimonio e a literatura galegas. Os contidos de índole cultural foron o piar central de Alén mar, a revista da Asociación Argentina de Hijos de Gallegos, que tamén incluía algúns artigos reivindicativos da cultura galega na Arxentina e outros críticos coa situación social de Galicia. Mentres, boletíns como Golada, editado en Bos Aires pola Sociedad del Ayuntamiento de Golada, tiñan entre os seus propósitos contribuír a que perdurasen na memoria dos seus socios e socias as tradicións propias das súas vilas natais.

Ademais de na Arxentina, a prensa da emigración tivo unha presenza destacada noutros países de América. En Cuba, a Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia creou a revista La Vida Gallega en Cuba para divulgar a cultura, historia e lingua galegas na illa, obxectivo coincidente co da revista dirixida por Adolfo V. Calveiro Cultura Gallega. Con idéntica finalidade, editáronse en Montevideo as cabeceiras Guieiro e Ecos da Terra. Malia que a orientación cultural era predominante neste tipo de cabeceiras, algunhas sociedades tamén as empregaron como medio de promoción e de comunicación directa coa colectividade. É o caso dos boletíns e xornais étnicos Alborada, Hermandad Gallega de Venezuela e Lonxe da Terriña, publicados en São Paulo, Caracas e Santiago de Chile, respectivamente. 

Aínda que as galegas e galegos asentados no Canadá foron menos numericamente, tamén “crearon as súas asociacións recreativas e culturais e deixaron a súa pegada”, indica o especial. Os centros da colectividade galega en Montreal e Toronto puxeron en marcha varias revistas, entre as que cómpre mencionar a Revista Deportiva. Centro Gallego de Montreal pola súa temática especializada en deportes. Por outra banda, en Nova York, a Casa Galicia de Unidad Gallega publicaba anualmente un “libro-memoria” para informar do traballo da sociedade e das súas actividades e, en México D. F., o Centro Galego facía o propio a través da edición de Anduriña.

A mediados do século XX iníciase un cambio de tendencia e a emigración galega empeza a establecerse en países europeos. En Francia, a Casa de Galicia de París, que xa publicara con anterioridade varios boletíns, lanza A Lareira para informar de temas de interese aos emigrantes galegos alí asentados. Así mesmo, tanto en Hannover (Alemaña) como en Xenebra (Suíza), a colectividade emigrada tivo tamén as súas cabeceiras: Fogar de Breogán e Revista de A Nosa Galiza, ambas editadas en lingua galega. 

Complementan o especial algunhas publicacións creadas polos centros de emigrantes galegos residentes en diferentes cidades españolas. Entre elas, inclúense Alborada. Órgano del Centro Gallego de Barcelona; Mundo Gallego. Revista del Centro Gallego de Madrid; Anduriña. Portavoz del Lar Gallego de Sevilla e O Xistral. Voceiro do Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo.

O proxecto Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de vinte entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

361 lecturas