O especial "Historias de ida e volta" de setembro céntrase no centenario da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina

Trátase dun proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX. 

A Secretaría Xeral da Emigración aproveita esta publicación para felicitar a esta histórica entidade polos seus cen anos de existencia.

Romaría da sociedade Hijos de Buján no campo de recreo da Federación, 1954
Romaría da sociedade Hijos de Buján no campo de recreo da Federación, 1954
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021.

A entrega de setembro do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, céntrase nesta ocasión na difusión do material relativo ao centenario da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina. A Secretaría Xeral da Emigración aproveita esta publicación para felicitar a esta histórica entidade polos seus cen anos de existencia.

En setembro de 1921, hai agora cen anos, fundouse en Bos Aires a Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, por iniciativa de varios dirixentes da colectividade galega (Antón Alonso Ríos, Manuel San Luis, Enrique Rodal e Joaquín Folgar Lema), nunha reunión para loitar contra o caciquismo. Xa dende as primeiras xuntanzas para a súa constitución prevaleceu o ideario socialista e agrarista dos seus promotores e o compromiso a prol dos sectores sociais galegos máis desfavorecidos.

O 24 de setembro realizouse un congreso constituínte no que se integraron doce das numerosas sociedades parroquiais e comarcais que existían en Arxentina. O 30 de outubro aprobaron a súa primeira Carta orgánica cunha declaración de principios, baseados en textos do Partido Socialista Argentino. En 1927 estaban federadas 40 sociedades, con 5000 socios.

Co tempo xurdiron diverxencias ideolóxicas entre dous sectores da Federación, o que levou en 1929 á súa separación en dúas entidades: a Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, de ideario agrarista e galeguista, e a Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires, de orientación socialista. A Guerra Civil española provocou a súa reunificación; a nova institución (Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina (FSG) reunía 40 asociacións con máis de 10.000 afiliados. En xaneiro de 1937 creou unha organización propia de axuda e apoio á República española: a Agrupación Gallega de Ayuda al Frente Popular Español, que impulsou un importante movemento de solidariedade e axuda económica á república e ás e aos refuxiados.

A Federación funcionou como un organismo político que traballaba por e para Galicia, sen esquecer os aspectos relacionados coa integración social das e dos emigrantes. Xa no século XXI, centra a súa actividade cultural na creación do Museo da Emigración Galega (MEGA) como museo, biblioteca e centro de investigación e difusión da emigración galega en Arxentina.

Para conmemorar o seu centenario, o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega publica este especial, amosando parte da documentación e do arquivo fotográfico dos seus fondos, para recoñecer e difundir o seu labor de compromiso na defensa dos galegos e galegas de aquí e de acolá.

496 lecturas