O embaixador de Alemaña en España valora o esforzo que está a realizar Galicia no control do déficit público

O presidente da Xunta mantivo unha xuntanza de traballo co embaixador alemán, na que afondaron nas relacións económicas e comerciais de España e Galicia con Alemaña.

As exportacións galegas a Alemaña acadaron preto de 704 millóns de euros o ano pasado, o que supuxo un incremento do 31,8%.

Alberto Núñez Feijóo trasladoulle ao embaixador alemán as felicitacións da Xunta polo recente nomeamento do novo presidente do país.

  • O presidente da Xunta durante a súa reunión co embaixador de Alemaña.
    O presidente da Xunta durante a súa reunión co embaixador de Alemaña.
  • O presidente da Xunta durante a súa reunión co embaixador de Alemaña.
    O presidente da Xunta durante a súa reunión co embaixador de Alemaña.
  • O presidente da Xunta durante a súa reunión co embaixador de Alemaña.
    O presidente da Xunta durante a súa reunión co embaixador de Alemaña.
Listen to this page using ReadSpeaker
21 de marzo de 2012.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóoo, mantivo na mañá de onte unha xuntanza de traballo co embaixador de Alemaña en España, Reinhard Silberberg, quen lle transmitiu a valoración moi positiva do esforzo que está a realizar Galicia no control do déficit público. Así mesmo, ambos mandatarios analizaron, entre outros, as relacións económicas e comerciais de España e Galicia con Alemaña.

Cómpre salientar que o rigor e a eficiencia coa que se está a traballar nos últimos tres anos permitiu que Galicia estea situada dentro das Comunidades Autónomas máis solventes de España, en termos agregados de déficit público, de pago a provedores, de execución orzamentaria e de obrigas comprometidas e pagadas. De feito, a pesares de contar cun nivel de ingresos similar aos do ano 2005, a Comunidade conseguiu reducir o déficit público en 300 millóns de euros, pasando do 2,3% ao 1,6%. Así, conta cunha das facendas máis saneadas e coa metade do déficit que o resto das autonomías (1,6% fronte ao 2,94%), e con cinco veces menos de déficit que o total de España, cun 8,5%”.

No que atinxe ás relacións comerciais entre Galicia e Alemaña, cómpre salientar que as exportacións galegas incrementáronse de xeito significativo nos últimos anos, o que permitiu que a balanza comercial autonómica con dito país pasara de déficit a superávit comercial. Así, o ano pasado, a Comunidade Autónoma exportou a Alemaña produtos por valor de case 704 millóns de euros –cun incremento do 31,8%-, mentres que as importacións procedentes de Alemaña foron de 688 millóns de euros, o que constata un saldo de 15 millóns de euros a favor de Galicia.

Actualmente en España están presentes unhas 1.100 empresas alemás, e o país é, despois de Francia, o segundo maior socio comercial do noso país. A meirande parte do comercio entre os dous países céntrase no sector automobilístico, produtos químicos, maquinaria e enxeñería eléctrica e electrónica.

Outros asuntos abordados na xuntanza entre o presidente da Xunta e o embaixador de Alemaña en España centráronse en aspectos relacionados na colaboración no eido cultura e educativo, no referido á aprendizaxe de idiomas no ensino público galego.

Así mesmo, Feijóo trasladoulle ao embaixador a felicitación da Xunta de Galicia polo nomeamento, o pasado domingo, do novo presidente do país, o pastor luterano Joachim Gauck.

1011 lecturas