Feijóo asegura que Galicia cumprirá o déficit público durante todo o ano 2012 como en toda a lexislatura, non superando o 1,5% establecido polo Estado para as comunidades autónomas

“Cos datos coñecidos a metade de ano, Galicia constata os froitos dunha política económica rigorosa que levamos mantendo durante toda a lexislatura e iso permítenos prescindir de medidas drásticas que se están utilizando na maioría das comunidades autónomas”, asevera

Sinala que mentres outras comunidades “están estes días véndose abocadas a pedir unha axuda extraordinaria, Galicia pode garantir que no ano 2012 volverá pechar o seu exercicio económico cun déficit público estable e cun cumprimento estrito dos compromisos co resto de España e con Europa”

Lembra que a “responsabilidade” orzamentaria “nos permitiu afrontar este momento de convulsión nunha situación moitísimo menos complexa que a inmensa maioría das comunidades autónomas” grazas, dixo, a que non se ignorou a crise, a que non se gastou o que non se tiña, a que se xestionou sen acudir aos fondos que o Goberno de España puxo á disposición de comunidades autónomas e corporacións e á anticipación e á adopción de medidas graduais, meditadas e pensadas

Salienta que “se as comunidades autónomas tiveran todas o déficit público de Galicia e se as contas do Goberno central tiveran o déficit público da comunidade autónoma, hoxe non habería prima de risco”

Remarca que isto é froito dun esforzo “dos galegos e das galegas, de todo o mundo, durante estes tres anos e medio longos; un esforzo que convén resaltar porque isto non é cuestión dun Goberno, isto é cuestión dunha sociedade que está disposta a acreditar que autonomía significa responsabilidade”, asegura

  • Alberto Núñez Feijóo tras a reunión do Consello (Autor: Xoán Crespo)
    Alberto Núñez Feijóo tras a reunión do Consello (Autor: Xoán Crespo)
  • Alberto Núñez Feijóo tras a reunión do Consello (Autor: Xoán Crespo)
    Alberto Núñez Feijóo tras a reunión do Consello (Autor: Xoán Crespo)
  • Alberto Núñez Feijóo tras a reunión do Consello (Autor: Xoán Crespo)
    Alberto Núñez Feijóo tras a reunión do Consello (Autor: Xoán Crespo)
Listen to this page using ReadSpeaker
27 de xullo de 2012.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou onte que a comunidade galega cumprirá o déficit público durante todo o ano 2012 como en toda a lexislatura, non superando o 1,5% establecido polo Estado para as comunidades autónomas. “Analizamos a situación das contas públicas de Galicia, unha vez pechado o primeiro semestre do ano 2012 e iso permítenos dicir, un ano máis, que Galicia volverá cumprir, no ano 2012, estritamente o obxectivo de déficit público”, aseverou Feijóo, remarcando que o Goberno galego se volve comprometer, “a cumprir o déficit público durante todo o ano 2012, por cuarto ano consecutivo” e a non superar “o déficit do 1,5% que é o obxectivo do Reino de España para todas as comunidades autónomas que conforman o Estado”.

“Cos datos coñecidos a metade de ano, Galicia constata os froitos dunha política económica rigorosa que levamos mantendo durante toda a lexislatura e iso permítenos prescindir de medidas drásticas que se están utilizando na maioría das comunidades autónomas, e mentres outras comunidades están estes días véndose abocadas a pedir unha axuda extraordinaria, Galicia pode garantir que no ano 2012 volverá pechar o seu exercicio económico cun déficit público estable, cun cumprimento estrito dos compromisos co resto de España e con Europa, e que Galicia completará esta lexislatura cun equilibrio nas súas contas durante toda a lexislatura e cun control do déficit público durante toda a lexislatura”, incidiu o mandatario galego ao respecto.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que onte coñeceu o informe de execución orzamentaria, o presidente galego salientou que o Executivo que preside actuou sempre “con rigor”, primeiro, dixo, “porque é un cumprimento das nosas obrigas” e, segundo, “porque cumprir as obrigas dun goberno beneficia aos seus cidadáns”. Feijóo lembrou que ata non hai moito tempo moita xente minimizaba a importancia disto, pero que, nestes momentos, a solvencia dunha comunidade autónoma cobra unha importancia económica e tamén política “excepcional”.

Neste sentido, lembrou que “a responsabilidade orzamentaria durante toda a lexislatura nos permitiu afrontar este momento de convulsión nunha situación moitísimo menos complexa que a inmensa maioría das comunidades autónomas”. E isto, segundo explicou, foi posible grazas a varios factores: primeiro, sinalou, “porque non ignoramos a crise económica; segundo, porque non gastamos o que non tiñamos; terceiro, porque estamos xestionando o que debemos sen acudir aos fondos que o Goberno de España puxo á disposición de comunidades autónomas e corporacións locais por 35.000 millóns de euros; e cuarto, porque nos anticipamos e tomamos as medidas de forma gradual, meditada e pensada”.

“Hoxe, por todo isto, Galicia pode evitar as drásticas medidas que teñen creado a maioría das comunidades autónomas”, abondou Feijóo, remarcando que mentres outras autonomías obviaron ata agora a necesidade de ter unhas contas saneadas, Galicia foi a única que se moveu sempre no entorno de estabilidade marcada polas autoridades do Estado; e mentres que outras comunidades teñen que axustar de forma abrupta o seu déficit público do 7, do 6, do 5, do 4 ou do 3%, Galicia ten que axustar o seu déficit público, do 1,6 ao 1,5% para o ano 2012.

“Polo tanto, estamos nunha situación menos complexa que outras autonomías, que teñen que tomar medidas drásticas”, subliñou o mandatario autonómico, lembrando que en Galicia non hai “que acudir aos mecanismos extraordinarios para pagar aos provedores por valor de 35.000 millóns de euros; por exemplo, poder facer investimentos en infraestruturas hospitalarias cando hai moitas comunidades autónomas que teñen que pechar as propias infraestruturas xa rematadas; por exemplo que os pensionistas galegos non teñan que adiantar os cartos dos seus fármacos cando cheguen ao límite; por exemplo, que Galicia conxelara as taxas universitarias, consolidándose como a comunidade autónoma con menor incremento e a comunidade autónoma coas taxas máis baixas de España; ou, por exemplo, adiantando case unha trintena de ciclos de formación profesional e contratando a moitos profesores para a FP”.

“Mentres outras autonomías se están vendo obrigadas a tomar medidas drásticas, Galicia pode prescindir de moitas desas medidas, e por iso mentres outras autonomías están estes días véndose abocadas a pedir unha axuda extraordinaria ao Goberno central, Galicia pode garantir que tamén neste 2012 pechará o exercicio con estabilidade orzamentaria, e Galicia pode garantir que durante toda a lexislatura manteña as súas contas equilibradas e que durante toda a lexislatura cumprirá os obxectivos de déficit público marcados para as administracións máis exixentes”, enfatizou.

“Se as comunidades autónomas tiveran todas o déficit público de Galicia, hoxe non habería prima de risco; e se as contas do Goberno central tiveran o déficit público da comunidade autónoma, hoxe tampouco habería prima de risco”, incidiu Feijóo, remarcando que isto é “un esforzo dos galegos e das galegas, de todo o mundo, durante estes tres anos e medio longos, e é un esforzo que convén resaltar, porque –concluíu-, isto non é cuestión dun Goberno, isto é cuestión dunha sociedade que está disposta a acreditar que autonomía significa responsabilidade e que se pode ser un autonomista convencido e un autonomista constitucional se se é un dirixente responsable”.

1351 lecturas