Feijóo traslada ao embaixador de Estados Unidos o seu interese en que Galicia sexa unha candidata firme para as inversións norteamericanas en España.

O presidente galego recibe a Alan D. Solomont no seu despacho de San Caetano.

En Estados Unidos residen hoxe en día 12.500 galegos.

No 2010 o resultado da balanza de pagos entre Galicia e Estados Unidos arroxase, por primeira vez, un superavit.

Listen to this page using ReadSpeaker
25 de xaneiro de 2011.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, recibiu onte, no seu despacho de San Caetano, ao embaixador de Estados Unidos en España, Alan D. Solomont, ao que trasladou o seu interese en que a Comunidade galega sexa unha candidata firme para as inversións norteamericanas en España.

Así, ambos dirixentes afondaron na presente conxuntura das relacións comerciais entre Estados Unidos e Galicia, e no posible desenvolvemento das mesmas para seguir mellorándoas. Neste sentido, compre salientar que a Xunta de Galicia dispón actualmente dunha oficina de apoio empresarial en Miami, cidade que, desde 2009, conta tamén coa sede da Asociación de Empresarios Galegos no Exterior.

Todas estas actuacións, que incluíron unha misión empresarial do sector das TIC a Estados Unidos, permitiron que no 2010 o resultado da balanza de pagos entre Galicia e o país americano arroxase, por primeira vez, un superávit, fronte ao saldo comercial deficitario rexistrado no período 2000-2005 e o estancamento producido desde o 2006. Para consolidar esta tendencia, no 2011 está prevista -dentro da estratexia do Igape de creación dunha Rede de Oficinas no Exterior- a apertura dunha nova oficina en New York.

Así mesmo, ambas partes aproveitaron o encontro para resaltar os vínculos históricos de unión entre ambos pobos –en Estados Unidos residen hoxe en día 12.500 galegos- ao tempo que apostaron por seguir reforzando outro tipo de relacións como as culturais, económicas e de cooperación entre as rexións.

1913 lecturas