Emigración destina 400.000 euros á subvención de programas municipais para a inserción de personas inmigrantes extracomunitarias

A publicación da listaxe resolve a convocatoria de abril deste ano, que se suma á realizada para ONGDs por contía doutros 400.000 euros.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Emigración ven de facer pública a resolución das subvencións concedidas a concellos, mancomunidades e consorcios locais, para a realización de programas no 2011 destinados a favorecer os procesos de acollida e integración da poboación inmigrante extracomunitaria en Galicia.

A listaxe resolve a convocatoria realizada en abril deste ano, na que se fixaba sistema de concorrencia competitiva, é dicir, elección das mellores ofertas entre tódalas presentadas, segundo baremo técnico publicado, e acorde aos obxectivos estratéxicos marcados polas propia Secretaría.

Para este fin de subvencionar programas realizados polas entidades locais e destinados á inserción de cidadáns e cidadás extracomunitarios, o departamento que dirixe Santiago Camba destina nesta convocatoria concreta 400.000 euros, se ben cómpre sinalar que neste ano se aprobou un investimento doutros 400.000 euros para programas co mesmo obxectivo e desenvolvidos por ONGDs.

Desta maneira, sumando os cartos cos que Emigración subvenciona programas levados a cabo por corporacións locais, e por ONGDs, a cifra global acada os oitocentos mil euros, dedicados por Emigración a programas de inserción da poboación inmigrante con orixe en países fóra da Unión Europea.

Vigo, o máis favorecido
A listaxe de entidades locais subvencionadas, publicada na edición de hoxe do DOG, inclúe os 47 concellos, mancomunidades e consorcios galegos aos que Emigración subvenciona, nesta convocatoria, cunha contía superior a 3.000 euros. Destacan pola contía percibida o consistorio de Vigo (30.501 euros), seguido da Coruña (21.449), Santiago (13.853), o Consorcio das Mariñas (12.937), Ames (12.095), e Vilagarcía de Arousa (12.077).

De entre as 14 entidades locais que superan os 9.000 euros recibidos, na provincia da Coruña hai 6: Ames, Ribeira, Santiago, Arteixo, Betanzos, e a propia capital provincial. Na demarcación de Pontevedra, son 4: Vilagarcía de Arousa, Marín, Vigo, e Lalín. En Lugo, 2: o Consorcio das Mariñas, e a propio concello lugués. E, finalmente, en Ourense, outros 2: Xinzo de Limia, e Verín.

1142 lecturas