O delegado da Xunta en Bos Aires reúnese cos participantes do programa galego de mobilidade “Xuventude no Mundo”.

Alejandro López Dobarro recibiunos na Delegación do Goberno galego na capital arxentina.

Trátase de 11 mozos e mozas de Galicia de entre 18 e 30 que estarán entre o 25 de novembro e o 2 de decembro en Bos Aires.

O programa da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta pretende que a mocidade de Galicia poidan coñecer outras rexións e medios de vida diferentes.

Listen to this page using ReadSpeaker

O delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, reuniuse este martes cos 11 mozos e mozas do noso país participantes no Programa Galego de Mobilidade “Xuventude no Mundo” que teñen como destino Arxentina, acompañados por un membro do equipo de programas europeos do Centro de Coordinador de Información e Documentación Xuvenil da Consellería de Traballo e Benestar, Xosé Manuel Neira Picallo, e por mozos da Sociedade Parroquial de Vedra en Bos Aires, organización de acollida.

Os participantes, residentes en Galicia de entre 18 e 30 anos, comentaron co Delegado a súa experiencia destes días no país austral. O grupo chegou a Bos Aires o pasado 25 de novembro e está a desenvolver visitas e actividades co gallo de comparar hábitos, costumes e coñecer as institucións galegas do exterior e comprobar a integración dos emigrantes e os seus descendentes na sociedade arxentina.

Ata o vindeiro 2 de decembro, visitarán diferentes centros galegos e asociacións de emigrantes, participarán nunha conferencia sobre a integración dos galegos na sociedade arxentina e en obradoiros sobre literatura, lingua, música e tradicións galegas xunto a mozos da colectividade en Bos Aires. Tamén están a visitar os sitios máis destacados da cidade como os monumentos históricos, as institucións culturais e os sitios turísticos.

Programa de Mobilidade
O programa de mobilidade “A Xuventude no mundo” pretende que mozas e mozos de Galicia poidan coñecer outras rexións e medios de vida diferentes aos que habitualmente están afeitos. Deste xeito, establécese que se relacionen durante unha semana coa mocidade doutros contornos para facilitar e potenciar a participación, o desenvolvemento e a autonomía persoal. Esta iniciativa ten como finalidade a aprendizaxe e cooperación entre mozos e mozas de distintas culturas mediante a convivencia e a interacción. Tamén facilita o coñecemento e a comprensión doutras linguas e culturas, elimina prexuízos, potencia a solidariedade, o voluntariado e a tolerancia. Ao tempo, a comprensión da diversidade sociocultural é fundamental para a toma de conciencia da necesidade de protección permanente do medio.

Os destinos desta edición 2010 do programa son Bos Aires (Arxentina), Hölloko e Budapest (Hugría), Cerdeña (Italia), Chisinau (Moldova), San Petesburgo (Rusia), Sinferopol (Ucraína) e no albergue de Gandarío (Galicia).

1796 lecturas