O delegado da Xunta anliza co Centro Galego de Mar de Plata medidas para mellorar a atención á cidadanía galega

Alejandro López Dobarro, vén de visitar as instalacións do Centro Galego de Mar del Plata, onde mantivo un encontro coa Comisión Directiva.

Fixo un percorrido polo Centro de Día desta entidade.

Na actualidade, o Centro Galego conta con1200 socios activos

Listen to this page using ReadSpeaker
26 de febreiro de 2010.

O Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro vén de manter un encontro co presidente do Centro Galego de Mar del Plata, Francisco Solla, con quen analizou diversas medidas para mellorar a atención á cidadanía galega nesa cidade.

López Dobarro visitou este mércores as instalacións do Centro Galego de Mar del Plata e mantivo un encontro coa Comisión Directiva da entidade. Nesta xuntanza abordáronse medidas que faciliten a atención dos emigrantes galegos e os seus descendentes e a posibilidade de prestarlles un mellor servizo. Así mesmo, o presidente da entidade anunciou ao Delegado da Xunta que están a programar a mellora e posta en valor do campo de deportes da agrupación para que os mozos dispoñan dun sitio axeitado onde practicar diversas disciplinas deportivas e de ocio. Segundo explicou Solla, este plan implica unha actuación programada para os vindeiros tres anos, coa previsión de ter as obras de mellora rematadas no ano 2012.

O presidente do Centro Galego de Mar del Plata asegurou no encontro con Dobarro que unha das prioridades da súa xestión é a inclusión dos mozos ás actividades da entidade. Nesta liña, avanzou que están traballar nunha xuntanza de gaiteiros para o mes de maio, con motivo do Día das Letras Galegas.

Centro de Día
Alejandro López Dobarro visitou o Centro de Día do Centro Galego de Mar del Plata. Estas instalacións foron construídas fai cinco anos e nelas aténdese de xeito cotiá a preto de 35 maiores. O centro está aberto entre as 9 e as 17 horas e alí desenvolven actividades tanto físicas como culturais, de entretemento e ocio.

52 anos en Mar del Plata
O Centro Galego de Mar del Plata foi fundado no ano 1952. Desde entón está a traballar nesta localidade costeira da provincia de Buenos Aires a prol dos emigrantes galegos e os seus descendentes. Na actualidade conta con preto de 1200 socios activos e mantén tres sedes completamente operativas: a súa sede social, o Centro de Día para maiores e a vila deportiva.

A maior parte das actividades da entidade lévanse a cabo nun edificio de tres andares con preto de 2000 metros cadrados, sede principal do Centro. Alí, os asociados dispoñen de salón de festas, cafetería, ximnasio, salón cultural, biblioteca, así como a área de atención ao público e asesoramento. Habitualmente funcionan alí a escola de gaita, as clases de folkore galego para nenos, o coro, así como as actividades deportivas tais como ximnasia aeróbica para nenos e ioga para a terceira idade.

1810 lecturas