O Consello da Xunta acorda novos nomeamentos na Administración galega

Imaxe da reunión do Consello da Xunta de Galicia
Imaxe da reunión do Consello da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2020.

O Consello da Xunta de Galicia celebrado este xoves en Santiago de Compostela acordou os seguintes nomeamentos:

SECRETARIO XERAL DE PRESIDENCIA. ÁLVARO PÉREZ LÓPEZ 
Desde 2009 ata xaneiro de 2020, exerceu como director xeral do Gabinete da Presidencia da Xunta. Nado na Coruña en 1973, é licenciado en Dereito e diplomado en Empresariais e máster en Dereito Comunitario.

Ademais, previamente, foi asesor parlamentario da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda así como asesor da Consellería de Medio Ambiente. Tamén foi profesor de Dereito Ambiental na Escola de Práctica Xurídica de Santiago.

DIRECTORA DE TURISMO DE GALICIA. MARÍA NAVA CASTRO DOMÍNGUEZ
Nava Castro conta con diversos máster en Planificación e Xestión de Destinos e Novos Produtos Turísticos; en Axentes de Desenvolvemento Económico e Xestión de Programas; en Xestión e Dirección de Pemes; e en Intervención e Xestión de Servizos Sociais. É licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid,

A súa traxectoria profesional deu comezo como deputada no Parlamento de Galicia no ano 1985, pasando despois a ser a responsable do Centro Europeo de Información e Animación (Carrefour de Galicia), concelleira de Servizos Sociais do Concello de Ponteareas e despois alcaldesa neste mesmo concello.

Posteriormente foi deputada no Congreso dos Deputados e en maio de 2009 foi nomeada directora xeral de Comercio, e en xaneiro do 2013 foi nomeada directora de Turismo de Galicia.

SECRETARIO XERAL TÉCNICO DA VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPRESA E INNOVACIÓN. PABLO CASAL ESPIDO
Pablo Casal, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, é funcionario da Administración local e do Corpo Superior da Administración Xeral da Xunta de Galicia. Durante a pasada lexislatura estivo vinculado á Consellería de Economía, Emprego e Industria: desde 2016 exercía como secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e, desde xullo do ano pasado, como director xeral de Orientación e Promoción Laboral. Con anterioridade, tamén ocupou o cargo de xerente do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Entre outras responsabilidades, foi tamén secretario xeral do Concello de Burela (Lugo), secretario xeral do Consorcio para a xestión da rede básica de abastecemento de auga dos concellos de Cervo e Burela e secretario-interventor do Concello de Curtis (A Coruña).

SECRETARIO XERAL DE EDUCACIÓN E FORMACIÓN PROFESIONAL. JOSE LUIS MIRA 
Catedrático de Física e Química e licenciado en Ciencias Químicas, o novo secretario xeral de Educación e Formación Profesional xa ostentou distintas responsabilidades no departamento de Educación da Xunta de Galicia, primeiro como director xeral de Ensinanza Profesional e Formación de Adultos, e de Ordenación Educativa e Formación Profesional (entre os anos 96 e 2000) e posteriormente como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa (2009-2012). Durante estas etapas foi o encargado de pilotar o deseño de importantes programas educativos que a día de hoxe son un referente de calidade do sistema educativo galego como é o impulso da formación profesional e a implantación do sistema de plurilingüismo nos centros galegos, entre outros.

José Luis Mira, que actualmente exercía como inspector de Educación nesta consellería, tamén exerceu como director xeral de Educación no Ministerio de Educación, Cultura y Deporte (2000-2004) e como conselleiro de Educación da  embaixada de España en Bruxelas (2012-2017); e conselleiro de Emprego e Seguridade Social da embaixada de España na Arxentina (2017-2018).

José Luis Mira substitúe no a cargo Manuel Corredoira López, que nos últimos anos desenvolveu un importante traballo na dirección xeral co impulso de iniciativas educativas centradas na modernización de Formación Profesional coa ampliación da oferta, a súa innovación e adaptación ao tecido produtivo galego; a aposta pola formación do profesorado; e o impulso de programas específicos no ámbito STEM e no ámbito da igualdade, a inclusión e a atención á diversidade. 

DIRECTOR XERAL DE CENTROS E RECURSOS HUMANOS. JESÚS M. ÁLVAREZ BÉRTOLO
Jesús M. Álvarez Bértolo, nado en Forcarei (Pontevedra) asume a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. Álvarez Bértolo é Diplomado en E.X.B. e licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, e conta cunha ampla experiencia de 32 anos como docente nas etapas de Infantil, Primaria e ESO, e como xefe de departamento de Orientación en centros docentes públicos das provincias de Lugo e Pontevedra.

Actualmente exercía como director do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra, un dos órganos provinciais da Consellería encargado de canalizar, centralizar e implementar os programas formativos para o conxunto do profesorado. Previamente desempeñou os cargos de xefe de servizo de Formación do Profesorado e de asesor de Formación, nas estruturas de Formación Permanente do Profesorado (entre os anos 2000 e 2005).

O novo director xeral de Centros e Recursos Humanos substitúe no cargo a José Manuel Pinal Rodríguez, que durante o seu mandato levou a cabo un importante labor centrado na mellora das condicións laborais do persoal docente e que queda reflectido polas sucesivas convocatorias de Oferta Pública de Emprego de Educación máis numerosas dos últimos anos; e co acordo salarial acadado coas organizacións sindicais no ano 2018, que permitiu situar ás e aos docentes galegos na parte alta da táboa salarial do conxunto de España. 

SECRETARIO XERAL TÉCNICO DA CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE. MANUEL VILA LÓPEZ
Manuel Vila López, ata o de agora secretario xeral técnico da anterior Consellería de Cultura e Turismo pasa a asumir a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Substitúe no cargo a Jesús Oitavén Barcala, que cesa nesta función. Cómpre destacar a intensa dedicación de Jesús Oitavén nunha etapa na que foi o encargado de deseñar e levar á práctica a modernización das infraestruturas educativas en toda Galicia, cunha firme aposta pola renovación enerxética e medioambiental; así como a xestión da rede de transporte escolar -a máis extensa de todo o Estado- e dos servizo de comedor escolar dependente da Consellería. 

SECRETARIO XERAL TÉCNICO DA CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE. JOSÉ RAMÓN PARDO CABARCOS
Nado en Vilalba (Lugo) en 1964, é funcionario de carreira do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia.

Licenciado en Dereito pola USC e Máster en Xestión da Calidade da Formación pola UNED, a súa carreira profesional estivo sempre moi vinculada á Administración pública galega. Así, dende o ano 1993 desempeñou diferentes cargos nela, entre eles o de subdirector xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e o de secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

A súa última responsabilidade, antes deste nomeamento como secretario xeral técnico, foi como subdirector xeral de Réxime Xurídico da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, cargo que veu desempeñando dende febreiro de 2015 ata a actualidade.

No ámbito docente, José Ramón Pardo Cabarcos foi titor do II Máster en Xestión da Calidade da Formación (UNED), así como relator de diversas conferencias sobre fundacións de interese galego. 

SECRETARIO XERAL TÉCNICO DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL. NICOLÁS VÁZQUEZ IGLESIAS
Nado en Lugo, era ata o de agora vicesecretario xeral da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Nicolás Vázquez é licenciado en Ciencias Físicas e Enxeñeiro Superior Industrial -na súa especialidade de Técnicas Enerxéticas- e conta cun máster universitario en Xestión de Enerxías Alternativas. Exerceu como consultor de sistemas de información na empresa privada desde 1997 ata 2001. Posteriormente desenvolveu o seu labor no Instituto Enerxético de Galicia. Neste centro, desempeñou cargos como xefe da Unidade Técnica de Estudos e Promoción de Enerxías Renovables desde 2001 a 2009, desde 2009 ata 2014 foi xefe de área de Enerxías Renovables e de 2014 a 2015 foi xefe da Unidade Técnica de Enerxía Eólica e Mareomotriz.

No ano 2015 pasou a formar parte do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, na escala de enxeñeiros industriais, ano no que se incorporou ao posto que desempeñaba ata a actualidade.

Ademais, Nicolás Vázquez ten impartido cursos de formación, xornadas e congresos relacionados coa eficiencia enerxética, co desenvolvemento sostible, coa investigación, o desenvolvemento e a innovación no sector enerxético e coa bioenerxía e a biomasa forestal, entre outros.

DIRECTOR XERAL DE GANDARÍA, AGRICULTURA E INDUSTRIAS AGROALIMENTARIAS. JOSÉ BALSEIROS GUINARTE
Nado en Cerdedo (Pontevedra) en 1961, José Balseiros xa desempeñara este cargo na anterior lexislatura, dende outubro de 2018 ata o seu cesamento por concorrer nas listas do Partido Popular ás eleccións autonómicas.

Ata a súa incorporación ao Goberno galego, exerceu como deputado autonómico polo Partido Popular (dende novembro de 2016) e foi vogal da comisión especial do forestal e de incendios e portavoz desta mesma área dentro do grupo parlamentario popular. Diplomado en Lingua Administrativa e Xurídica Galega e técnico informático na especialidade de aplicacións para a Administración Local, a súa experiencia profesional e carreira política estivo sempre moi vinculada ao ámbito municipal, tanto en calidade de empregado público na Delegación Provincial de Estatística en Pontevedra como, posteriormente, no Concello de Cerdedo.

Neste municipio pontevedrés exerceu primeiro de tenente de alcalde e logo de rexedor, entre xaneiro de 2005 e outubro de 2016. Foi tamén deputado provincial por Pontevedra na lexislatura 2007-2011 e vicepresidente do Consorcio Galego de servizos de Igualdade e Benestar, dende xuño de 2006 ata novembro de 2017.

Xa como deputado no Parlamento galego, estivo como vogal en diferentes comisións, entre elas a de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, sendo tamén membro da Deputación Permanente da Cámara.

En imaxes
289 lecturas