O Consello da Cultura Galega participa en dous proxectos da Asociación de Institucións para as Migracións Europeas (AEMI)

Listen to this page using ReadSpeaker

Consello da Cultura Galega - Arquivo da Emigración Galega.O Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, participará no desenvolvemento de dous proxectos impulsados pola Asociación de Institucións para as Migracións Europeas (AEMI). Trátase do “Migraport”, portal das migracións europeas, e da Historia migratoria europea 1800-2010. O Arquivo da Emigración Galega, que tomou parte na conferencia anual da AEMI, a finais do pasado setembro en Cracovia (Polonia), incorporouse a esta asociación internacional coincidindo coa asemblea celebrada en Bilbao en 2010.

Na asemblea anual celebrada entre o 27 e o 29 do pasado setembro en Cracovia (Polonia) o Arquivo da Emigración Galega estivo representado por Emilia García López, que presentou o relatorio Patróns de comportamento da emigración galega en Europa.

A Asociación de Institutcións para as Migracións Europeas (AEMI), creada en 1989, agrupa a institucións e entidades de Polonia, Italia, Dinamarca, Noruega, Suecia, Irlanda, Portugal, Croacia, Letonia, Francia, Bélxica, Australia, Luxemburgo, Alemaña, Macedonia, Grecia e Euskadi. A cidade de Karlstadt (Suecia) acollerá en 2013 a nova asemblea de AEMI.

O Arquivo da Emigración Galega naceu como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, do Consello da Cultura Galega, e configurouse desde 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para as e os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio galego.

Máis información en:

 

Fonte: Consello da Cultura Galega | Foto: Consello da Cultura Galega

894 lecturas