O Arquivo da Emigración Galega presenta o proxecto Epístola na xuntanza anual da AEMI que terá lugar en Riga
“Migracións e refuxiados: antes e agora” é o título baixo o que a Asociación Europea de Estudos Migratorios (AEMI) convocou ás súas persoas asociadas para a súa xuntanza anual.
Unha cita que ten lugar en Riga (Letonia), do 25 ao 27 de setembro, e na que participa o Consello da Cultura Galega a través do Arquivo de Emigración Galega.
Alí presentarase o Proxecto Epístola, iniciativa que se encarga da preservación dos fondos documentais de personalidades da emigración galega.

Emilia García López, representante do Arquivo da Emigración Galega, intervirá este venres na xuntanza anual da AEMI e fará unha descrición do proxecto Epístola que desenvolve o Consello da Cultura Galega. Este traballo, que se insire dentro dos labores de recuperación e preservación dos fondos documentais, consiste na recuperación (localización, identificación e dixitalización) das correspondencias de persoas relacionadas coa emigración galega.
A European Association of Migration (AEMI) celebra unha xuntanza anual na que aborda o tema das migracións desde diferentes puntos de vista, atendendo tanto a cuestións históricas como contemporáneas. Migración infantil, desemprego e migración de mozos e mozas, as migracións internas en Europa, persoas refuxiadas , inmigrantes de retorno e a migración circular, migración e comunicación social son algúns dos temas que se analizaron nas últimas sesións. Nesta ocasión ponse o foco nas persoas refuxiadas, por ser un tema de actualidade. A intervención do Arquivo de Emigración Galega faise dentro da sesión destinada a “Arquivos e Museos”.
O Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, configurándose desde o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio.
Entre os seus obxectivos figura conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural; constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial que amplía e mantén as súas distintas modalidades de acceso e disposición de materiais de interese para os investigadores; así como difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que sirvan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Novas relacionadas