O cine galego enche a Sala Babylon de Berlín na estrea do Ciclo Mestre Mateo

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañou aos representantes da asociación galega De Berlín Son, na primeira proxección deste ciclo que permitiu dar a coñecer en Alemaña o documental “O Gran Camiño”, finalista dos premios Mestre Mateo deste ano.

Esta iniciativa xurde da colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración, a Academia Galega do Audiovisual e a asociación cultural De Berlín Son.

Esta iniciativa permitirá ofrecer aos cidadáns dos seis países onde se van a exhibir, de marzo a decembro, os oito filmes finalistas destes premios nas categorías, tanto de mellor longametraxe como de mellor documental.

  • O cine galego enche a Sala Babylon de Berlín na estrea do Ciclo Mestre Mateo
    O cine galego enche a Sala Babylon de Berlín na estrea do Ciclo Mestre Mateo
  • O cine galego enche a Sala Babylon de Berlín na estrea do Ciclo Mestre Mateo
    O cine galego enche a Sala Babylon de Berlín na estrea do Ciclo Mestre Mateo
Listen to this page using ReadSpeaker
Berlín (Alemaña), 26 de marzo de 2022.

O secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu á estrea do ciclo Mestre Mateo que se iniciou coa proxección do documental “O Gran Camiño” no cine Babylon de Berlín, grazas a colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e a asociación cultural galega De Berlín Son.

Máis dun centenar de persoas asistiron a esta estrea que tamén se realizou, de xeito simultáneo, noutros sete centros galegos do exterior: o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol de Bos Aires, o Centro Gallego de Montevideo, a Hermandad Gallega de Venezuela, o Instituto Cañada Blanch-Centro Galego de Londres, o Centro Gallego de Madrid, o Lar Gallego de Sevilla e o Centro Gallego de Tarragona.

Este ciclo conta cunha periodicidade mensual, exceptuando os meses de xullo e agosto. Visualizaranse así, dende marzo a decembro, os oito filmes finalistas nas categorías, tanto de mellor longametraxe como de mellor documental, nos premios Mestre Mateo.

O secretario xeral da Emigración destacou a importancia da posta en marcha de iniciativas como esta que permiten “difundir y promocionar a cultura e a lingua galega nos países de acollida da man da colectividade exterior e dar a coñecer o labor do sector audiovisual galego, que se atopa nun momento de gran crecemento e creatividade”.

Neste senso, Rodríguez Miranda  aproveitou tamén o acto para agradecer tanto a colaboración dos distintos centros galegos, en especial, neste caso a De Berlín Son, pola súa labor para promocionar este ciclo, como a propia Academia Galega do Audiovisual por apostar por dar a coñecer o seu labor fora das nosas fronteiras. “É de destacar o importante traballo realizado por estes oito centros galegos do exterior que, como aquí, en Alemaña, están a potenciar a nosa cultura entre o propio colectivo pero tamén entre os propios berlineses. Sen o seu apoio o éxito de hoxe non podería ser unha realidade”, rematou o secretario xeral animando a todos a repetir experiencia o próximo mes de abril cunha nova proxección audiovisual.

638 lecturas