O Centro Gallego de Rosario homenaxeou a Rosalía de Castro

O acto, organizado co gallo do 150º aniversario da publicación de "Cantares Galegos", contou coa presenza do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro.

Tamén se descubriu unha placa alusiva á reinauguración da biblioteca desta histórica entidade galega no país austral, que en 2015 xa será centenaria.

  • Alberto González Iglesias recitou un poema de Rosalía diante do busto que a lembra no Parque da Independencia
    Alberto González Iglesias recitou un poema de Rosalía diante do busto que a lembra no Parque da Independencia
  • O acto de homenaxe a Rosalía congregou moitos galegos e galegas residentes na terceira cidade máis poboada da Arxentina
    O acto de homenaxe a Rosalía congregou moitos galegos e galegas residentes na terceira cidade máis poboada da Arxentina
  • O presidente da entidade e o secretario xeral da Emigración no acto de reinauguración da biblioteca do Centro Gallego
    O presidente da entidade e o secretario xeral da Emigración no acto de reinauguración da biblioteca do Centro Gallego
  • Imaxe do acto de reinauguración da biblioteca do Centro Gallego na cidade berce da bandeira arxentina
    Imaxe do acto de reinauguración da biblioteca do Centro Gallego na cidade berce da bandeira arxentina
Listen to this page using ReadSpeaker
Rosario (Santa Fe - Arxentina), 21 de maio de 2013.

O pasado domingo, 19 de maio, o Centro Gallego de Rosario organizou unha homenaxe a Rosalía de Castro no Parque da Independencia da cidade rosarina. Celebrado diante do busto que lembra á insigne poetisa galega -conmemorando así o 150 aniversario da publicación da súa obra Cantares Gallegos- o acto comezou ás 11,00 h. da mañá e contou coa presenza do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e do Delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro.

Graciela González Rodríguez, a encargada de Cultura desta senlleira entidade galega case xa centenaria, fixo a presentación da homenaxe e, deseguido, procedeuse á colocación da ofrenda floral a cargo do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e do presidente do Centro Gallego, Guillermo Picallo Durán quen, logo dun emotivo minuto de silencio, pronunciou unhas palabras alusivas ao acto de lembranza. Tamén interviron Alberto González Iglesias, quen recitou un poema de Rosalía, o secretario xeral da Emigración e, para rematar, as e os asistentes puideron gozar da actuación do Conxunto de Folclore Galego do centro.

Unha vez finalizada a homenaxe, as persoas participantes dirixíronse á sede social da rúa Bos Aires 1137, onde se descubriu unha placa alusiva á reinauguración da Biblioteca Rosalía de Castro, percorréronse as súas instalacións, agasallouse ás autoridades asistentes cunhas empanadas tradicionais arxentinas e realizouse un brinde pola galeguidade.

Para culminar o encontro, as autoridades do centro dirixíronse ás instalacións do Recreo Social, situado na zona norte da cidade, onde se realizou un percorrido polas mesmas, previo á partida dos representantes da Administración galega cara á cidade de Santa Fe.

 

Fonte e fotos: Centro Gallego de Rosario

1277 lecturas