O Centro Galego de Lleida celebrou, un ano máis, o Día das Letras Galegas
Unha conferencia sobre Roberto Vidal Bolaño, a actuación da Coral Cengallei da entidade galega na cidade catalana e unha cea de Irmandade centraron os actos conmemorativos deste ano.
- Manoel Carrete Rivera pronunciou unha conferencia sobre o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño
- O acto celebrouse na sede do Institut d'Estudis Ilerdencs da cidade ilerdense
- A Coral Cengallei da entidade ofreceu ás e aos asistentes un recital poético-musical baseado en temas da cultura galega
- Ao remate do acto, todos e todas cantaron o himno galego
O pasado sábado 15 de Xuño o Centro Galego de Lleida (Casa de Galicia) celebrou o Día das Letras Galegas 2013, que neste ano conmemora tamén o 150º Aniversario da publicación de Cantares Gallegos (1863), a obra de Rosalía de Castro que dou comezo ao que se denomina Rexurdimento da literatura e a cultura de Galicia.
Ás 20,00 h., no Institut d'Estudis Ilerdencs da capital catalana, Manoel Carrete Rivera, historiador, avogado en exercicio e presidente do Centro Galego de Barcelona, pronunciou unha conferencia sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño, o dramataurgo -non só autor senón tamén director e actor- compostelán a quen se homenaxea na presente edición da máis importante festa da nosa cultura, o Día das Letras Galegas.
Logo, a Coral Cengallei da entidade deleitou ás e aos asistentes cun recital poético-musical baseado en temas da cultura galega e, para finalizar o acto no Institut d'Estudis Ilerdencs (prestixiosa institución-fundación pública dependente da Deputación de Lleida dedicada a fomentar o estudo da cultura, as ciencias e a arte das bisbarras ilerdenses) todas e todos os presentes entonaron o himno galego. Ademais de persoas asociadas, amigos e amigas e simpatizantes do Centro Galego, no devandito acto tamén estiveron presentes o rexidor do Concello de Lleida, Pau Pintó Torné e o Presidente da Federación de Casas e Centros Rexionais de Lleida, Cosme García i Mir.
Para rematar e pechar as celebracións deste ano, e xa nas dependencias do restaurante do Centro Galego, ás 22,00 h, tivo lugar unha cea de Irmandade.
Novas relacionadas