Proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega

Trátase dunha campaña de recollida das coleccións particulares das e dos nosos emigrantes posta en marcha polo Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega.

O proxecto do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega pretende configurar un retrato social da emigración galega desde os seus inicios ata a actualidade
O proxecto do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega pretende configurar un retrato social da emigración galega desde os seus inicios ata a actualidade
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2014.

O Arquivo da Emigración Galega pretende ser un espazo de relación permanente, que axude a reconstruír e conservar a memoria colectiva da identidade galega espallada máis alá das nosas fronteiras.

Para configurar un retrato social da emigración galega desde os seus inicios ata a actualidade, necesitamos a colaboración das persoas que un día decidiron partir da súa terra natal, elas son: os nosos e as nosas emigrantes. Moitas familias galegas conservan nos seus fogares as fotografías, películas, documentos ou obxectos que dan conta do que foi a súa vida cotiá ou a das e dos seus familiares, no país de emigración. Dito material representa unha alfaia que aglutina as distintas vivencias e modos de enfrentarse a mundos descoñecidos, contribuíndo a poñer en valor o papel xogado pola emigración en Galicia.

O material que se recolla servirá para a investigación e difusión non comercial, polo que non se verán infrinxidos nin os dereitos do autor ou autora, nin da persoa propietaria das imaxes e documentos que sexan cedidos ao Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega.

Conscientes do coidado necesario na forma de recoller os testemuños e documentos persoais das e dos nosos protagonistas e colaboradores e colaboradoras neste proxecto, é preciso destacar que todo o material que sexa cedido, ben orixinal ou ben para a súa reprodución ou copia e posterior devolución, será custodiado e conservado respectando as condicións que impoña cada persoa que colabore coas fotos ou documentos da súa colección particular.

A continuación preséntanse unhas pequenas instrucións para facilitarlle a achega das persoas que queiran colaborar no proxecto. Agradécese sumamente a todas e todos os doadores que contribúan ou difundan esta campaña.

 

Fonte e fotos: Arquivo da Emigración Galega - Consello da Cultura Galega

1738 lecturas