Na procura dun lugar de honra para o galego nos EE.UU.

Arredor de 300 sinaturas apoian a proposta para que os estudos galegos conten cunha sección propia e un grupo de debate na Modern Language Association.

Profesorado, catedráticos, decanos, e mesmo reitores de universidades como Berkeley, Yale ou Columbia, enviaron o seu apoio.

A Modern Language Association (MLA) é a organización para o estudo da lingua e literatura máis importante dos EE.UU. e do mundo
A Modern Language Association (MLA) é a organización para o estudo da lingua e literatura máis importante dos EE.UU. e do mundo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2013.

O galego pode ter presenza nun dos órganos de maior prestixio lingüístico de Estados Unidos; a Modern Language Association. Iso se prospera a iniciativa xurdida na González-Millán Galician Studies, que axiña se espallou polo mundo académico, tanto galego coma norteamericano, e que xa recibiu apoios de reitores, decanos, xefes de departamento, profesorado e alumnado dende o Reino Unido a Nova Zelandia e dende Brasil a Galicia.

As persoas promotoras da petición son conscientes da proxección que teñen os estudos galegos, principalmente nos Estados Unidos, que nun contexto de interconexión internacional atraen cada vez maior interese académico. Deste xeito, inspíranse no traballo pioneiro de Xoán González-Millán, quen dende Nova York propiciou a renovación e unha ampla difusión dos estudos galegos, ata a súa morte nun accidente no 2002.

Como xurdiu?
A iniciativa xurdiu trala presentación dunha proposta similar realizada dúas semanas atrás por Benita Sampedro (profesora en Hofstra University en Nova York) en relación con Guinea Ecuatorial. Benita Sampedro é tamén galega e animou ao grupo de Galician Studies no mundo anglófono a emprender unha iniciativa similar. "En realidade, esta posibilidade viña sendo apuntada e discutida por moitos de nós desde hai polo menos dez anos. A novidade agora é que tivemos información de que esta importantísima e exclusiva organización con sede en Nova York, Modern Language Association (MLA), está a piques de reunirse para discutir a revisión das súas seccións permanentes", sinala Gabriel Rei-Doval, Associate Professor no Departamento de Español e Portugués da Universidade de Wisconsin-Milwaukee e unha das persoas impulsoras da iniciativa, en declaracións a GC.

O MLA é unha organización académica que se centra sobre todo no inglés, aínda que o mundo hispánico é -como en xeral acontece nos EEUU- a outra principal referencia. Neste prestixioso centro son contadas as culturas minorizadas que teñen presenza nel; o catalán e o gaélico, entre eles -Catalan Studies e Celtic Studies-. O MLA é a organización de linguas e culturas máis importante dos EEUU e do mundo, e reúne miles de persoas tódolos anos nunha convención que se celebra nalgún lugar de EE.UU. ou Canadá. Publica tamén revistas e publicacións diversas de ampla difusión internacional. É tamén a que establece moitos estándares do traballo académico sobre linguas en Norteamérica (e tamén noutras latitudes), e polo tanto calquera sección ou área de traballo que eles recoñecen ten unha tremenda visibilidade na academia norteamericana.

A iniciativa
Por iso no Grupo González-Millán de Estudos Galegos, que agrupa académicas e académicos no mundo anglófono pensaron que era agora -e non máis adiante- o momento para "botarse á piscina". Deste xeito, e de forma coordinada, o domingo 5 de maio lanzaron por e-mail, internet e as redes sociais unha campaña que partiu da Universidade de Milwaukee, pero que en cousa de horas comezou a sumar adhesións, primeiro nos EEUU, de costa a costa, e logo no Reino Unido, Irlanda, Australia e Nova Zelandia.

En Galicia foi apoiada desde as tres universidades galegas, e serviron de importantes altofalantes tamén o ILG e a Asociación Internacional de Estudos Galegos. Grazas a iso recibiron adhesións dos máis notables filólogos portugueses, brasileiros e mesmo algúns españois. Nos EEUU, profesores, catedráticos, xefes de departamento, decanos, e mesmo reitores das mellores universidades enviaron o seu apoio (UC-Berkeley, Columbia University, New York University, City University of New York, Duke U., UT-Austin, Yale...). Ademais, recibiron o apoio de moita xente que ou son bolseiros/lectores, ou investigadores e investigadoras que están comezando, e polo tanto poden ser o futuro dos Estudos Galegos. Esta é a lista ata agora.

A imaxe de Galicia
"Aparecemos moitos galegos que traballamos en EEUU, pero tamén moitos académicos españois, portugueses, latinoamericanos que senten empatía por Galicia e polos Estudos Galegos, e mesmo moitos norteamericanos (e, obviamente, británicos como David Mackenzie ou John Rutherford, "pais" do galicianismo anglófono)", sinala Rei-Doval. O apoio entre académicas e académicos non galegos que traballan en EEUU sorprendeu os impulsores da iniciativa. Por iso, barallan retomar este asunto no outono, cunha investigación sobre as razóns polas que este proxecto conseguiu tanta e tan rápida difusión a través da Internet e as redes sociais. "Poida que Galicia proxecte internacionalmente unha imaxe moito máis positiva do que ás veces se pensa, e que exista moita máis simpatía e empatía co noso País do que ás veces parece, sobre todo cando sabe venderse ben a súa importancia co márketing e o discurso axeitados", subliña.

Ademais, esta petición foi subscrita polo Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mailo Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad.  "En todo caso, esta é unha iniciativa independente de corte académico, sen afiliación política ningunha, formulada e difundida desde o galicianismo norteamericano -co apoio dos colegas e amigos das Illas Británicas-", engade Rei-Doval. O documento foi redactado en colaboración por Kirsty Hooper, Kerry McKevitt, Benita Sampedro, e o propio Rei-Doval.

Unha língua ponte
"Nós queremos que se considere o galego e Galicia como ponte entre os mundos hispánico e lusófono, e que se vexan as múltiples posibilidades que un campo como o Galician Studies ofrece aos Estudos Culturais, Transatlánticos, Postcoloniais, sobre o Multilingüismo, etc", subliña ao aclarar que é unha labor "titánica" e que levará tempo. "Pero esta campaña é un paso máis nese labor en que se ten esforzado tanta xente, desde os pais (ou se cadra avós) do Galicianismo norteamericano, como Martínez López, Guerra da Cal, Rubia Barcia ou González López, ata o gran reformulador dos Estudos Galegos (en EEUU e tamén en Galicia) que foi Xoán González-Millán", apunta Rei-Doval. En parte, este esforzo, pretende axudar tamén a recuperar a súa memoria.

 

Fonte: www.galiciaconfidencial.com

920 lecturas