Morre en Cidade do Prata o escultor galego Eduardo Martínez

A historia do artista reflicte a realidade de moitas familias que deixaron Galicia en busca de oportunidades en América.

Listen to this page using ReadSpeaker

Morreu en Cidade do Prata, preto de Montevideo, o escultor Eduardo Martínez que, baixo o pseudónimo do Cañotas, realizou obras que están en diversas institucións españolas en Uruguai.

Martínez naceu na parroquia de Argalo, no concello de Noia, o 15 de xuño de 1926. Casou con Ramona Blanco, orixinaria de Santa Cristina de Barro, coa que tivo dous fillos. En 1951 emigrou só a Río de Janeiro, en Brasil.

As boas noticias dos amigos que estaban en Uruguai, sumado ao clima brasileiro que non lle sentaba ben, fixérono cambiar de país. En 1953 entrou en Uruguai de forma ilegal pola fronteira brasileira de Rivera-Livramento. Dous anos máis tarde puido regularizar os seus papeis e traer á súa familia para instalarse definitivamente en Uruguai.

Traballou durante 35 anos como carpinteiro na empresa dun galego procedente de Vigo e empezou a súa carreira de escultor e escritor autodidacto tras xubilarse en 1988. Doou a institucións españolas, tanto en Uruguai coma en Galicia, preto de 40 talles que esculpiu.

O artista afirmaba que a súa intención como escultor non era crear obras de arte, senón homenaxear persoas da cultura e política galega ás que coñecera en Uruguai. O Padroado da Cultura Galega outorgoulle a Vieira de Prata no 2005 e moitas institucións rendéronlle homenaxes nos últimos anos.

1386 lecturas