Montevideo acolle a máis dun centenar de centros galegos do mundo no IX Consello de Comunidades Galegas

O consello- máximo órgano representativo das comunidades galegas asentadas no exterior- celebrarase entre o 6, 7 e o 8 de decembro.

O presidente da Xunta, Núñez Feijoo, clausurará o evento na capital uruguaia na que é a súa primeira viaxe oficial a Latinoamérica.

O IX pleno debaterá- a través de relatorios en políticas socioasistenciais, muller e xuventude, tecnoloxía e cultura e galeguidade- cuestións hoxe de vital importancia que afectan ás comunidades do exterior e que decidirá no futuro da Emigración.

O primeiro plenario tivo lugar en xullo de 1985 en Santiago de Compostela. Pola lei da galeguidade desde 1983 posibilitouse ás comunidades galegas a súa inserción no futuro da vida social e cultural do pobo galego.

Listen to this page using ReadSpeaker
5 de decembro de 2009.

Montevideo acolle o IX Consello de comunidades galegas que se celebrará entre o 6 e o 9 de decembro. No plenario convocarase a 135 delegados de tódolos centros galegos no mundo que teñen recoñecida a galeguidade - pola lei de recoñecemento da galeguidade 4/1983, de 15 de xuño-.

O Consello- máximo órgano representativo das comunidades galegas asentadas no exterior- xuntará na capital rioplatense ademais dos 135 representantes da colectividade, aos membros natos do plenario- entre os que acoden o presidente da Xunta, quen clausurará o evento; o secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, a conselleira de Traballo, Beatriz Mato; o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o Presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro.

O futuro da emigración a debate
Galeguidade, políticas socioasistenciais, muller e xuventude, tecnoloxía e cultura foron os relatorios elixidos para este IX Pleno do Consello de Comunidades Galegas.

Durante dous días- 7 e 8 de decembro- exporanse as principias liñas de actuación da Secretaría Xeral da Emigración e os relatorios, sobre os que se fará seguimento anual por unha comisión delegada permanente.

Os participantes someterán a debate cuestións de vital importancia que afectan ás comunidades de emigrantes galegos no exterior, como o foron en sesións anteriores relatorios referidos- en materia asistencial- á creación dun entorno tendente á universalización socio-sanitaria para tódolos emigrantes galegos. Daí a formalización dos primeiros programas de concesión de axudas e a elaboración dun marco que permite hoxe unha actuación inmediata e efectiva de axuda ós galegos que se vexan afectados por situacións de crises económicas ou socio-políticas, como a acontecida na Arxentina en 2001.

O espíritu asociativo dos gallegos levou a constituir fóra de Galicia auténticas comunidades que serven de vínculo de unión e comunión coa terra. Pola lei de galeguidade posibilitouse ás comunidades galegas desde 1983 a súa inserción no futuro da vida social e cultural do pobo galego. O consello de comunidades galegas ten carácter deliberante, funcións consultivas e de asesoramento das institucións da Comunidade Autónoma de Galicia.

O primeiro plenario tivo lugar en xullo de 1985 en Santiago de Compostela, e vense celebrando cunha periodicidade de tres anos. Nas súas sesións ordinarias participan representantes de todas as entidades galegas no exterior que teñen recoñecida a galeguidade así como os membros das institucións de Galicia previstos na Lei.

Comisión permanente
Será o día previo ao evento- mañá 6 de decembro- cando se xunte tamén en Montevideo, a comisión delegada permanente para preparar as sesións do pleno que se deban estudiar e discutir no consello, sobre as que as resolucións se revisarán anualmente.

Relatorios: unha galeguidade de todos e para todos
- Galeguidade: Atende ao “fomento e apoio dos procesos tendentes á unión e integración das comunidades galegas, mantendo os obxectivos fundacionais das mesmas. Apélase a un esforzo común, coordinado e continuado e á implicación e o acordo das entidades con vocación de mellora constante”. -Políticas socioasistenciais: incídese no “desenrolo de políticas activas a favor da diáspora paisanos, con especial atención aos casos de precariedade. Velarase, na medida dos recursos e posibilidades existentes, por liquidar estas carencias e acadar un benestar integral, mellorando o modelo asistencial e de prestacións sociosanitarias da emigración. Cambios que redundarán en novas estruturas de xestión, administración e prestación de servizos máis eficaces, eficientes e centrados na calidade asistencial aos seus beneficiarios”.

Muller e xuventude: defende a “incorporación da mocidade da galeguidade ao tecido asociativo, unha responsabilidade- se propón- ha de xestionarse desde os propios centros galegos no exterior, como garantía de supervivencia e adaptación á formulación social da Galicia do presente e do futuro. Exploraranse novas vías para facer da muller un interlocutor de relevancia no seo das colectividades- ampliando os dereitos das galegas residentes na diáspora, favorecendo a súa inclusión sociolaboral e pondo á súa disposición as canles adecuadas para expor activamente as súas propostas nas colectividades”-.

Cultura e tecnoloxía: expón a necesidade concreta de que “o capital humano do que Galicia dispón, neste mundo globalizado, debe conectarse mediante iniciativas concretas, o que esixe da utilización sistemática das novas tecnoloxías postas ao servizo da cultura, a comunicación, a formación. O portal galiciaaberta.com é o punto de encontro virtual das Comunidades Galegas, desde onde dar visibilidade á actividade dos centros concibido para facilitar unha interconexión fluída e inmediata”.

Ver o programa do IX Consello das Comunidades Galegas

2498 lecturas