Miranda visitou o Lar Galego de Avilés, onde coñeceu os plans de futuro da nova directiva

A pretensión da entidade é ampliar o número de persoas asociadas atraendo á mocidade e aproveitando a situación xeográfica privilexiada do centro.

Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e Ana María Fernández Grela, presidenta da entidade galega na cidade asturiana
Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e Ana María Fernández Grela, presidenta da entidade galega na cidade asturiana
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, coñeceu as instalacións do Lar Galego de Avilés, situado nunha das zonas máis céntricas e emblemáticas da cidade asturiana.

Alí reuniuse coa nova directiva, que preside Ana María Fernández Grela, e que expuxo ao alto cargo da Xunta os plans de futuro para a renovación da entidade, pois intentan darlle un novo pulo a través da captación de novos socios e socias e do fomento do relevo xeracional, aproveitando no posible as capacidades da magnífica ubicación do Lar, en plena rúa Galiana, epicentro da actividade económica, social e lúdica avilesina.

Tanto Grela coma Miranda coincidiron en sinalar a conveniencia de que o centro se converta en todo o occidente de Asturias no referente de Galicia e as súas potencialidades turísticas, gastronómicas, económicas, e sobre todo de divulgación dos valores máis senlleiros da nosa cultura e tradición, como o Camiño de Santiago.

O Lar Galego de Avilés foi creado no ano 1961 a iniciativa de emigrantes galegas e galegos vinculados á daquela florecente industria siderometalúrxica, e moi especialmente á empresa Ensidesa. Posúe unha casa de tres plantas, que conta, entre outras instalacións, con salón de actos, sala de xogos, biblioteca, e servizos de restauración con dous comedores.

1173 lecturas