Miranda visita o castro de Portomarín, onde comparten traballo mozas e mozos da diáspora e da Galicia territorial

Esta convivencia é posible mercé á segunda modalidade do programa ‘Conecta con Galicia’, que en xullo xa trouxo a outros 170 mozos e mozas da Galicia do Exterior.

Canda o secretario xeral da Emigración, estiveron tamén presentes os subdirectores de Voluntariado e Participación, e de Emigración e Comunidades Galegas, así como o alcalde e o tenente alcalde da localidade luguesa.

  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración conversando con dúas das mozas participantes
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración conversando con dúas das mozas participantes
  • Foto de grupo do secretraio xeral da Emigración cos e coas participantes na modalidade de Campos de traballo 2014
    Foto de grupo do secretraio xeral da Emigración cos e coas participantes na modalidade de Campos de traballo 2014
  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración conversando cun dos participantes
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración conversando cun dos participantes
  • Miranda percorreu a excavación na que están a traballar as mozas e mozos galegos da diáspora
    Miranda percorreu a excavación na que están a traballar as mozas e mozos galegos da diáspora
Listen to this page using ReadSpeaker
Portomarín / Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou esta mañá o campo de traballo de Portomarín, onde comparten labores dezasete rapazas e rapaces galegos residentes fóra da Comunidade Autónoma, con outros cinco que teñen fixada aquí a súa vivenda habitual, tres monitores, o director do campo, e un arqueólogo.

Canda o secretario xeral, realizaron a visita Alberto Otero, subdirector xeral de Voluntariado e Participación da Consellería de Traballo e Benestar; Ramón Brigos, subdirector xeral de Emigración e Comunidades Galegas da Secretaría Xeral da Emigración; e mailo alcalde de Portomarín, Juan Serrano, e o primeiro tenente de alcalde, José Antonio Soengas.

A presenza das galegas e os galegos de fóra da Comunidade é posible grazas á segunda modalidade do programa ‘Conecta con Galicia’ da Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, e a finalidade da iniciativa é que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega.

Nos campos, entre 20 e 30 anos
Concretamente, as prazas dos campos de traballo destínanse a participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

Previamente, e durante dúas quendas no mes de xullo, outros 170 rapaces e rapazas galegos residentes fóra de Galicia desenvolveron a primeira das modalidades do ‘Conecta con Galicia’: distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos, compartiron con mozos e mozas residentes en Galicia residencias e albergues xuvenís dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar. Nestas instalacións realizaron dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes aloxáronse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participaron en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorreron o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvolveuse baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizaron actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

Así, ‘Conecta con Galicia’ permite que, neste ano, 187 descendentes de persoas de cidadanía galega poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana coas e cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase sempre conxuntamente con rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estas mozas e mozos coa terra das súas familias e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial

Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados asisten a sesións informativas que se realizan nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades a desenvolver no programa en particular.

Procedencia
A procedencia dos rapaces e das rapazas do campo de traballo de Portomarín que veñen de fóra da Galicia territorial, e que hoxe recibían a visita do secretario xeral da Emigración durante o desenvolvemento do seu labor, é a seguinte: 6 de Arxentina, 4 de Uruguai, 3 de Brasil, 2 de Venezuela, e outros 2 de Cuba.

1199 lecturas