Os mozos e mozas da diáspora e da Galicia territorial que comparten traballo no castro de Portomarín protagonizaron unha versión dramatizada dos movementos migratorios

A segunda modalidade do programa ‘Conecta con Galicia’ -que en xullo xa trouxo a outros 160 mozos da Galicia do Exterior- fai posible esta convivencia entre a mocidade nada nunha e noutra beira do Atlántico. 

  • Imaxe da 'performance' sobre o movemento migratorio
    Imaxe da 'performance' sobre o movemento migratorio
  • Na foto, os mozos e mozas galegos do exterior (e tamén outros e outras da Galicia territorial) participantes no programa 'Conecta con Galicia 2016' da Secretaría Xeral da Emigración
    Na foto, os mozos e mozas galegos do exterior (e tamén outros e outras da Galicia territorial) participantes no programa 'Conecta con Galicia 2016' da Secretaría Xeral da Emigración
  • Na imaxe, momento da versión dramatizada sobre os movementos migratorios, unha das actividades que teñen previstas ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’
    Na imaxe, momento da versión dramatizada sobre os movementos migratorios, unha das actividades que teñen previstas ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’
  • Na imaxe, momento da versión dramatizada sobre os movementos migratorios, unha das actividades que teñen previstas ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’
    Na imaxe, momento da versión dramatizada sobre os movementos migratorios, unha das actividades que teñen previstas ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’
Listen to this page using ReadSpeaker
Portomarín / Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2016.

Os 19 rapazas e rapaces galegos residentes fóra da Comunidade Autónoma (e outros 3 que teñen fixada aquí a súa vivenda habitual) que comparten labores no campo de traballo de Portomarín, foron as e os protagonistas dunha versión dramatizada dos movementos migratorios, dentro das actividades que teñen previstas ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’.

Concretamente, e a modo de agasallo aos milleiros de peregrinos e peregrinas que fan parada na vila, e ás e aos habitantes da mesma, estes rapaces e rapazas converteron en performance a historia do cambio de asentamento do propio Portomarín, os problemas que xurdiron co novo emprazamento, e a ligazón que existe cos pasados e actuais movementos migratorios.

A presenza dos 19 galegos e galegas de fóra da Comunidade é posible grazas á segunda modalidade do programa ‘Conecta con Galicia’ da Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Política Social, e a finalidade da iniciativa é que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega.

De 20 e 30 anos
Concretamente, as prazas dos campos de traballo destínanse a participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

Os labores de traballo de campo para esa recuperación realízanos na posta en valor do castro de Portomarín, en Lugo. Mais polas tardes desenvolven un amplo abano de actividades visitando lugares emblemáticos de toda Galicia, como as termas da Chavasqueira en Ourense, o casco vello de Santiago, a vila tradicional de Combarro en Pontevedra, a muralla romana de Lugo, ou as paisaxes únicas da Ribeira Sacra, entre outras.

Asemade, realizan actividades complementarias para facilitar a interrelación entre eles e elas e para coa contorna, tales como bogadas e outras actividades náuticas e deportivas en xeral, actividades de animación, charlas formativas, visitas a lugares e museos de interese antropolóxico, ou mesmo preparación compartida de menús gastronómicos orixinais dos países nos que residen, ademais das visitas e representacións teatralizadas –coma a desta tarde- para fomentar o coñecemento deste importante vestixio arqueolóxico entre as e os milleiros de peregrinos que percorren o Camiño Francés e que fan parada en Portomarín.

160 en xullo
Previamente, e durante dúas quendas no mes de xullo, outros 160 rapaces galegos e galegas residentes fóra de Galicia desenvolveron a primeira das modalidades do ‘Conecta con Galicia’: distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos, compartiron con mozos e mozas residentes en Galicia residencias e albergues xuvenís dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar. Nestas instalacións realizaron dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes aloxáronse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participaron en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorreron o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvolveuse baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizaron actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

Así, ‘Conecta con Galicia’ permite que, neste ano, 179 descendentes de cidadás e cidadáns galegos poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana coas e cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase sempre conxuntamente con rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

1707 lecturas