Miranda visita a comunidade galega de Santiago de Cuba no quinto centenario da fundación da cidade, no que participa activamente Galicia

O secretario xeral da Emigración afirmou estar seguro de que as e os galegos residentes no sur de Cuba fortalecerán o seu compromiso coa Galeguidade e co futuro do país “co esforzo necesario, con maior forza aínda que nos últimos anos”.

Galicia achega dúas exposicións aos actos conmemorativos dos 500 anos da segunda cidade cidade cubana, unha sobre a Catedral compostelá, e outra sobre o Camiño xacobeo.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse ata Santiago de Cuba, unha das moitas cidades –incluídas varias capitais nacionais- que os primeiros colonos españois en América bautizaron en recordo da urbe galega consagrada ao Apóstolo. Precisamente, a segunda cidade de Cuba celebra este ano o quinto centenario da súa fundación, e nos seus actos de conmemoración colabora activamente Galicia.

Rodríguez Miranda achegouse a supervisar as instalacións onde as e os residentes e visitantes de Santiago de Cuba poderán descubrir, a través de dúas respectivas mostras fotográficas, o Camiño, e a Catedral de Compostela. O propio arcebispo da capital de Galicia, Julián Barrio, foi ademais o encargado asemade de presidir a concelebración litúrxica especial conmemorativa que tivo lugar na basílica de Santiago de Cuba.

Aos galegos e galegas do sur de Cuba insistiu Miranda na necesidade de perpetuar e fortalecer a importante pegada da Galeguidade na illa. Como exemplos da importante interacción entre ambas beiras do Atlántico, Miranda lembrou que boa parte dos símbolos culturais máis relevantes de Galicia naceron en Cuba (a bandeira, ou a estrea do himno), e tamén que foron decenas de miles os galegos e galegas que construíron o devir histórico da República, mesmo ata a actualidade: cómpre lembrar que os propios presidente e ex presidente cubanos son fillos de galego.

“No pasado e no presente. Pero tamén no futuro. Estou completamente seguro de que no futuro, as e os galegos de Cuba involucraranse en manter a Galeguidade e, por tanto, a súa participación activa no desenvolvemento da Galicia territorial, con achega e compromiso persoal, profesional, familiar, e social, co esforzo necesario, con maior forza aínda ca nos últimos anos”, sinalou Miranda á comunidade galega en Santiago de Cuba.

No resto da illa
Para rematar esta nova viaxe a Cuba, Miranda manterá un encontro coas galegas e cos galegos residentes na capital, centrado fundamentalmente en coñecer de primeira man as inquedanzas da mocidade galega na illa –conformada polas segundas e terceiras xeracións- e tamén unha reunión de traballo cos e coas presidentes das distintas comunidades galegas con sede na Habana, xa durante a fin de semana.

Camiño a Santiago de Cuba, o secretario xeral realizou a ruta por terra para coñecer de primeira man as opinións, e compartir experiencias, coas e cos paisanos galegos residentes no interior da illa. Así, puido falar con galegas e galegos das provincias de Cienfuegos e Las Tunas, e hoxe achegarase ata Guantánamo, onde departirá igualmente cos residentes galegos e galegas nesa provincia, e os seus e as súas descendentes, que manteñen viva a Galeguidade a case mil quilómetros da capital habaneira.

1189 lecturas