O programa “Merlo”, apoiado por Emigración, abre mañá, día 30, o seu prazo de inscrición co obxectivo de mentorizar a emprendedoras e emprendedores galegos retornados

Esta iniciativa, que chega así á súa terceira edición, busca apoiar e acompañar ás galegas e galegos retornados no desenvolvemento e consolidación dos seus emprendementos.

O programa xorde da colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación Ronsel.

O prazo de inscrición no programa Merlo abrése mañá, xoves 30 de marzo
O prazo de inscrición no programa Merlo abrése mañá, xoves 30 de marzo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023.

O programa “Merlo” de mentorización para emprendedoras e emprendedores galegos retornados abre mañá xoves, día 30, o prazo de inscrición para aquelas e aqueles interesados en participar nesta iniciativa que a Fundación Ronsel pon en marcha co apoio da Secretaría Xeral da Emigración e que chega así á súa terceira edición.  

Este programa ofrece persoal de apoio de mentoría ás e aos emprendedores galegos retornados de cara ao apoio e acompañamento no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais, “de xeito que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia”, tal e como indica o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. 

Nas pasadas edicións, foron mentorizadas e mentorizados nos seus proxectos empresariais, unha media de 90 emprendedores e emprendedoras.

Esta iniciativa ten como obxectivo ofrecer un servizo de acompañamento por medio dunha figura dunha ou dun mentor que reforce as súas habilidades e fortalezas para potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais cunha maior garantía de éxito, contribuíndo así a mellorar a competitividade e produtividade do seu negocio en Galicia. 

As persoas interesadas poden apuntarse e obter máis información a través da seguinte ligazón: https://programamerlo.gal/. Tamén poden inscribirse directamente en: https://programamerlo.gal/inscribete/

A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídas as e os galegos emprendedores retornados.

398 lecturas