Miranda agradece a labor dos mentores do Programa Merlo da Fundación Ronsel para a formación dos emprendedores galegos retornados
A Secretaría Xeral da Emigración colabora con esta entidade co obxectivo de acompañar aos galegos que retornaron nos últimos anos a Galicia e decidiron poñer en marcha unha iniciativa empresarial de xeito que teñan ferramentas axeitadas para consolidar o seu negocio.
O Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, agradeceu hoxe, a través dunha reunión telemática, a labor dos mentores do Programa Merlo, organizado pola Fundación Ronsel en colaboración con este departamento autonómico, e que ten como obxectivo a formación dos emprendedores galegos retornados.
As primeiras xornadas de formación estanse a desenvolver durante estes días, e teñen como obxectivo apoiar e acompañar aos galegos que retornaron nos últimos anos a Galicia e decidiron poñer en marcha unha iniciativa empresarial de xeito que teñan ferramentas axeitadas para consolidar o seu negocio.
O obxectivo de Merlo é que os nosos emprendedores retornados “poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia, contribuíndo así a mellorar a súa competitividade e produtividade do seu negocio”, engadiu Rodríguez Miranda.
A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídos os galegos emprendedores retornados, sendo un referente en Galicia no uso da ferramenta de mentoría e membro dende 2015 da Red de Youth Business Spain, coa que se desenvolve esta metodoloxía de promoción e apoio ao emprendemento dirixida ao autoemprego e a creación de emprego.
Novas relacionadas