Emigración destina á Asociación Española Primera de Socorros Mutuos de Montevideo 30.000 euros para o programa de atención socio sanitaria a galegas e galegos residentes da capital uruguaia
O secretario xeral da Emigración e o delegado da Xunta en Uruguai, Alejandro López Dobarro, mantiveron hoxe unha videoconferencia co presidente esta entidade, Fernando García Martínez.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda mantivo nas últimas horas, xunto ao delegado da Xunta en Uruguai, Alejandro López Dobarro, unha reunión por videoconferencia co presidente da Asociación Española Primera de Socorros Mutuos de Montevideo, Fernando García Martínez, na que se analizou o acordo de colaboración por 30.000 euros destinado pola Xunta de Galicia á atención socio sanitaria dos galegos e galegas residentes que así o precisen na capital uruguaia.
Durante a reunión, o secretario xeral e o presidente da asociación analizaron a situación da pandemia no país e a preocupación existente polo efecto sanitario e económico que esta está a xerar en Uruguai.
A Asociación Española Primera de Socorros Mutuos é unha entidade sen ánimo de lucro fundada no ano 1853, co obxectivo de crear un fondo común destinado a socorrer aos seus asociados e asociadas no caso de enfermidade, outorgándolles asistencia médica completa. Na actualidade, o número total de persoas asociadas supera as 200.000, das que un número moi relevante son españois e españolas de orixe galega.
Conta cun hospital de 26.500 metros cadrados, dotado con 452 camas, así como con catro sedes secundarias, cinco policlínicas e catro unidades de internación onde se presta asistencia sanitaria á colonia galega residente neste país.
A entidade ten o compromiso de dar cobertura a todas e todos os seus asociados, a maioría de orixe galega e ás e aos seus descendentes. Froito deste convenio coa Secretaría Xeral da Emigración, o hospital presta atención socio sanitaria aos galegos e galegas en situación de carencia ou de necesidade económica.
A Secretaría Xeral da Emigración amplía este ano a súa colaboración con esta entidade, co obxecto de contribuír á asistencia á colectividade galega residente neste país que, por razóns de carencia ou dependencia, se atope en situación de necesidade e non poida afrontar o custo destas prestacións.
Novas relacionadas