Miranda recorda na Cadena Ser Ourense que o prazo de solicitude das Axudas ao Retorno Emprendedor, dotadas con ata 10.000 euros, remata o próximo 30 de setembro
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe o estudio de gravación da Cadena Ser Ourense onde explicou as Axudas Retorno Emprendedor desta institución que apoian a posta en marcha de iniciativas empresariais dos galegos e galegas do exterior que retornan a Galicia. O prazo desta iniciativa está aberto ata o 30 de setembro. “Dámoslle unha axuda económica de 6.000€; si é retornada a que emprende, para axudar a incentivar a incorporación da muller no mercado laboral, 1.000€ máis; e, por establecerse no rural, 3.000€ máis”, explicou Miranda.
O secretario tamén destacou que, dende que este programa se puxo en marcha, a Xunta investiu algo máis de 4M€, pero o impacto económico para Galicia foi máis de 32M€, chegando a 600 negocios axudados, “por cada euro que a axuda dá para poñer en marcha un negocio, os beneficiarios multiplican por oito o investimento”, comentou Miranda. Así mesmo, tamén informou das bolsas BEME dirixidas a galegas e galegos universitarios do exterior co obxectivo de facer un máster nunha das tres universidades galegas e que este ano conta con 250 persoas de 30 países do mundo. ”No campus de Ourense serán 12 os beneficiados con estas bolsas formativas. Nas seis edicións anteriores conseguimos que o 80% destes galegos de alta cualificación se quedasen, o que repercute no sistema económico de Galicia”, sinalou Miranda.
- Audio - Entrevista ao secretario xeral da Emigración | Descargar
Novas relacionadas