Miranda recibe no Museo do Pobo Galego ás persoas participantes no programa ‘Reencontros na Terra 2013’

O secretario xeral asegurou no seu discurso de benvida que “a Galicia que estes días vos está sorprendendo é froito do traballo e sacrificio de todas e todos, dos que quedaron pero tamén do que vós fostes”.

Mercé a esta iniciativa da Xunta, un total de 135 persoas maiores da diáspora retornan temporalmente á Galicia territorial.

A primeira quincena benefícianse dunha estadía na Residencia de Panxón, e despois poden quedar coas súas familias ata un tempo máximo de tres meses.

  • Imaxe do acto celebrado na mañá de hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela
    Imaxe do acto celebrado na mañá de hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela
  • Imaxe do acto celebrado na mañá de hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela
    Imaxe do acto celebrado na mañá de hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela
  • Imaxe do acto celebrado na mañá de hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela
    Imaxe do acto celebrado na mañá de hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela
  • Imaxe do acto celebrado na mañá de hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela
    Imaxe do acto celebrado na mañá de hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu no Museo do Pobo Galego a recepción oficial ás e aos participantes na edición deste ano do programa ‘Reencontros na Terra’, nun acto no que tamén estiveron representantes do Padroado do propio Museo, e da Consellería de Traballo e Benestar, que colabora na iniciativa, e no que tamén falou un representante dos propios galegos e galegas da diáspora.

“Reencontros na Terra” ten por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias das e dos emigrantes galegos de máis de 65 anos de idade. Participan nesta edición un total de 135 persoas procedentes de seis países latinoamericanos: Arxentina, Uruguai, Venezuela, Brasil, Cuba e Paraguai.

Na súa alocución, Miranda transmitiu o recoñecemento e agarimo de toda a sociedade galega ao traballo e esforzo realizado polas galegas e galegos do Exterior ao longo das últimas décadas: “Esta Galicia actual e moderna que estes días vedes, e que de seguro vos está sorprendendo, é froito do traballo constante dun pobo orgulloso que non esquece as súas raíces e tampouco esquece, ben ao contrario, ás fillas e fillos espallados na diáspora. Todo o que vos rodea é o resultado do sacrificio e o traballo de todas e todos, dos que quedaron, e tamén, en gran medida, dos que vós fostes para plantar a semente da Galeguidade alén o mar”, asegurou o secretario xeral.

77 anos de media
Aínda que todos e todas participantes son maiores de 65 anos, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, xa que se aproxima aos 77 anos. As cinco persoas de meirande idade proceden de Arxentina, destacando unha persoa que conta nada menos que con 93 anos.

Preto do 40 % das e dos participantes naceron na provincia da Coruña, o 30 en Pontevedra, e repártense o 30 restante entre as provincias de Ourense e Lugo. Sobresaen como municipios nos que naceron máis participantes Ponteceso e Vimianzo na provincia da Coruña; A Fonsagrada e Becerreá na de Lugo; Ribadavia e Toén en Ourense; e Vigo e Silleda na de Pontevedra.

A finalidade desta iniciativa da Xunta é que as persoas participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, gastronómico, ou folclórico, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias, e o intercambio de experiencias co resto das e dos participantes. As solicitudes foron avaliadas seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español, e a idade da persoa solicitante, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria publicada no DOG.

Dúas fases
O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas ás e aos participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día. Inclúe unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional. Tamén realizarán diversas visitas a outras vilas galegas.

Canto á segunda fase, esta consiste nunha estadía cos seus e as súas familiares de Galicia, cos que poden estar ata completar un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitos dos beneficiarios e beneficiarias unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

1418 lecturas