Miranda recibe no aeroporto de Vigo a un centenar de galegas e galegos do exterior que participan no programa “Conecta co Xacobeo”, que lles permitirá percorrer o Camiño de Santiago

Esta iniciativa destínase a persoas vinculadas cos centros galegos de España e Europa de entre 18 e 64 anos, de xeito que sirva como pulo para estas entidades tralo parón da pandemia.

As e os participantes percorrerán 100 quilómetros do Camiño en diferentes etapas ata chegar a Santiago de Compostela.

  • Imaxe desta tarde no aeroporto de Vigo
    Imaxe desta tarde no aeroporto de Vigo
  • Imaxe desta tarde no aeroporto de Vigo
    Imaxe desta tarde no aeroporto de Vigo
  • Imaxe desta tarde no aeroporto de Vigo
    Imaxe desta tarde no aeroporto de Vigo
  • Imaxe desta tarde no aeroporto de Vigo
    Imaxe desta tarde no aeroporto de Vigo
  • Imaxe desta tarde no aeroporto de Vigo
    Imaxe desta tarde no aeroporto de Vigo
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo , 18 de setembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do subdirector deste departamento, Antonio Casas, recibiu hoxe no aeroporto de Vigo ás e aos participantes no programa de lecer “Conecta co Xacobeo” que se desenvolverá ao longo da próxima semana en dous grupos, un que percorrerá o Camiño Portugués e outro que percorrerá a Vía da Prata. 

Deste xeito, o departamento autonómico que dirixe Antonio Rodríguez Miranda reinicia os programas de achegamento a Galicia dos galegos e galegas do exterior, centrándoos, nesta ocasión, no Ano Santo, e limitando a participación ao continente europeo por mor da aplicación do control das medidas sanitarias marcadas pola pandemia da covid-19.

Esta iniciativa, tal e como explicou Rodríguez Miranda, “ten como obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas vinculadas ás entidades galegas que existen tanto no resto de comunidades autónomas de España como nos países europeos, fomentando a súa participación no Ano Santo”. A Secretaría Xeral quere así dar un pulo ás entidades e centros galegos, así como aos seus asociados e asociadas, que sufriron numerosos peches e limitacións a causa da pandemia durante os últimos meses e que son promotores do Camiño de Santiago en todos os lugares onde teñen a súa sede.

En total, participarán nesta actividade un cento de galegas e galegos do exterior de entre 18 e 64 anos, que durante os próximos días realizarán o camiño en diversas etapas ata chegar o vindeiro sábado 25 á praza do Obradoiro. Ademais, os dous grupos terán unha xornada de convivencia conxunta na Ribeira Sacra, celebrando así o seu recente nomeamento como Reserva da Biosfera.

  • Audio: Declaracións do secretario xeral da Emigración no aeroporto de Vigo | Descargar
986 lecturas