O centenar de galegas e galegos do exterior do “Reencontros co Xacobeo” rematan o programa ante a Catedral de Santiago

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañounos no último tramo dende Porta do Camiño.

As e os participantes, que chegaron o pasado domingo, coñeceron ao longo destes días o patrimonio cultural e natural das zonas polas que transcorre o Camiño de Santiago e as actividades de balneario no lugar no que se aloxaron. 

Esta iniciativa destinouse a persoas de máis de 65 anos vinculadas cos centros galegos de España e Europa, servindo como pulo para estas entidades tralo parón da pandemia.

  • Imaxe desta mañá, na Praza do Obradoiro, da chegada das e dos participantes nos Reencontros co Xacobeo
    Imaxe desta mañá, na Praza do Obradoiro, da chegada das e dos participantes nos Reencontros co Xacobeo
  • Imaxe desta mañá, polas rúas compostelás, da chegada das e dos participantes nos Reencontros co Xacobeo
    Imaxe desta mañá, polas rúas compostelás, da chegada das e dos participantes nos Reencontros co Xacobeo
  • Imaxe desta mañá, polas rúas compostelás, da chegada das e dos participantes nos Reencontros co Xacobeo
    Imaxe desta mañá, polas rúas compostelás, da chegada das e dos participantes nos Reencontros co Xacobeo
Vídeo da entrada na Praza do Obradoiro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do subdirector deste departamento, Antonio Casas, recibiu en Santiago de Compostela ao centenar de galegas e galegos do exterior que participaron ao longo desta semana no programa “Reencontros co Xacobeo” que organiza este departamento autonómico. 

Estas e estes galegos do exterior, todas elas e eles maiores de 65 anos e vinculados a centros galegos de España e Europa, entraron  en Compostela a través da Porta do Camiño, atravesando a praza de Cervantes e chegando ata o Obradoiro.

“Reencontros co Xacobeo” permitiu que estes galegos e galegas do exterior, ao longo desta semana, puideran realizar pequenas etapas do Camiño de Santiago e coñecer o seu patrimonio cultural e natural.

“Deste xeito”, explicou Antonio Rodríguez Miranda, “a Secretaría Xeral reiniciou os programas de achegamento a Galicia dos galegos do exterior, centrándoos, nesta ocasión, no Ano Santo. Así, os centros galegos do mundo, que xa están a difundir e promover o Camiño de Santiago, poden contar agora con cen novos voluntarios que gozaron directamente desta experiencia para transmitila en cada unha das cidades onde viven e animar así a participar a todos no Xacobeo 21-22”.

“Para eles, segundo nos transmitiron, foi unha fermosa experiencia que lles permitiu unir aínda máis os seus lazos con Galicia. Agora invitarán as súas colectividades alí onde viven a gozar deste Xacobeo histórico”, engadiu o secretario xeral.

Este programa ten como obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas maiores de 65 anos vinculadas aos centros galegos do exterior. 

A Secretaría Xeral quere así dar un pulo ás entidades e galegas, así como aos seus asociados e asociadas, que sufriron numerosos peches e limitacións a causa da pandemia durante os últimos meses e que son promotores do Camiño de Santiago en todos os lugares onde teñen a súa sede. 

Esta iniciativa únese a celebrada no mes de setembro para menores de 65, “Conecta co Xacobeo”, que tivo tamén como obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas vinculadas ás entidades galegas que existen tanto no resto de comunidades autónomas de España como nos países europeos, fomentando a súa participación no Ano Santo. 

775 lecturas