Miranda recibe a dous universitarios galegos do exterior cunha bolsa BEME que lles permitirá establecerse en Galicia

O secretario xeral da Emigración recordou que dende a posta en marcha deste programa tiveron a posibilidade de acceder a esta iniciativa 500 mozos e mozas galegas de diferentes países.

O obxectivo do mesmo é atraer aos galegos e galegas que viven fóra e que desexan completar aquí a súa formación especializada, de xeito que poidan traballar en Galicia e fixar definitivamente aquí a súa residencia.

  • Imaxe da visita dos dous bolseiros BEME á sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Imaxe da visita dos dous bolseiros BEME á sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
  • Imaxe da visita dos dous bolseiros BEME á sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Imaxe da visita dos dous bolseiros BEME á sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
  • Imaxe da visita dos dous bolseiros BEME á sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Imaxe da visita dos dous bolseiros BEME á sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
  • Imaxe da visita dos dous bolseiros BEME á sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Imaxe da visita dos dous bolseiros BEME á sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu a dous universitarios galegos do exterior que se atopan completando a súa formación nas universidades galegas a través dunha bolsa BEME outorgada polo departamento que dirixe e que lles permitirá establecerse nun futuro en Galicia.

Deste xeito, o secretario xeral puido coñecer os intereses e expectativas en Galicia destes dous mozos, Pablo Pérez e Valentina Cristina Pita, procedentes de Arxentina e México, respectivamente, e que se atopan cursando estudos na Universidade da Coruña e na de Santiago. 

Miranda recordou que este novo curso universitario optaron a desenvolver a súa formación nas tres universidades galegas un total de 150 universitarias e universitarios que residían no exterior.

O secretario xeral ofreceulles toda a colaboración necesaria para axudarlles durante a súa estadía en Galicia, e realizou con eles unha visita pola sede da Secretaría Xeral da Emigración, situada na praza de Mazarelos, centrándose especialmente no Servizo de Retorno que cada ano acolle e atende a estas e estes universitarios na súa chegada a Galicia.

En total, dende a posta en marcha desta iniciativa, tiveron a oportunidade de acceder á bolsa 500 mozos e mozas galegas de diferentes países de Europa, como Alemaña, Reino Unido, Países Baixos, Italia, Portugal o Rusia, así como de América, como Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela, Cuba, Canadá, México, e así ata máis de 20 nacionalidades do mundo.

Deste xeito, este é o cuarto ano que a Secretaría Xeral da Emigración destinou bolsas de excelencia para a mocidade exterior, denominadas BEME, coas que o Goberno galego posibilitou que outras e outros 150 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, poidan cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

O obxectivo destas bolsas é atraer aos galegos e galegas que viven fóra e que desexan completar aquí a súa formación especializada, de xeito que poidan traballar en Galicia e fixar definitivamente aquí a súa residencia. 

Esta iniciativa pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e mozos residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade, contribuíndo a fixar novas e novos residentes no territorio. A oferta céntrase así en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.  

As e os beneficiarios son galegas e galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditando un mínimo de dous anos de residencia no exterior e, a maiores, estar admitida ou admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas. 

As e os estudantes que obtiveron esta bolsa en 2020 contan cunha axuda económica de entre 7.000 e 7.650 euros, dependendo de se proceden de Europa ou do resto do mundo, por curso completo de 60 créditos ECTS, que deben ser destinados a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención durante o curso. Aqueles e aquelas que se matricularon en 90 créditos dispoñen dun presuposto total de ata 11.475 euros, en función do continente de procedencia do alumnado.

Dende a primeira convocatoria no ano 2017 preto de 2.000 mozos e mozas galegos optaron a unha destas 500 bolsas convocadas. 

En imaxes
393 lecturas