Máis de 600 galegas e galegos universitarios do exterior interesáronse por conseguir unha bolsa BEME para estudar un mestrado en Galicia o próximo curso
A Secretaría Xeral da Emigración recibiu solicitudes para estas axudas formativas dende 35 países de tódolos continentes.
Arxentina dispara o número de galegas e galegos universitarios do exterior interesados nestas axudas, seguidos de Uruguai, Brasil, Venezuela, México, Cuba, Reino Unido, Alemaña, Francia e Portugal.
Como curiosidade, presentáronse solicitudes dende Arabia Saudita, Suecia, Australia e Cabo Verde.
A Secretaría Xeral da Emigración pechou este ano o prazo de solicitude de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior - BEME, con máis de 600 galegas e galegos universitarios do exterior interesados por conseguir un máster nunha das tres universidades galegas. As solicitudes chegaron dende 35 países de tódolos continentes.
Estas bolsas destínanse a galegas e galegos universitarios residentes fóra de Galicia dende fai máis de dous anos ou descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen realizar un dos másteres que ofertan a UVigo, a USC e a UDC en calquera dos seus campus.
O obxectivo destas bolsas é que estas mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria o que lles podería permitir quedar a traballar e vivir en Galicia.
Todos os beneficiarios e beneficiarias destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.
Por países, cabe destacar que Arxentina volveu ser, ao igual que o pasado ano, o que maior número de solicitudes iniciou, con 242. Por número de demandantes, os países que presentaron máis candidatas e candidatos foron posteriormente: Uruguai, Brasil, Venezuela, México, Cuba, Reino Unido, Alemaña, Francia e Portugal. Como curiosidade, tamén chegaron solicitudes dende países coma Arabia Saudita, Suecia, Australia ou Cabo Verde.
A bolsa, cuxo importe vai dos 7.500 aos 12.000 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo e segundo o número de créditos a realizar), destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial.
Novas relacionadas