Miranda reafirma en Río de Xaneiro o compromiso da Xunta coa atención social á colectividade galega a través da Casa de España
O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro coa directiva da entidade para avaliar o labor socioasistencial que desenvolve en favor da comunidade galega.
A Xunta continúa apoiando o funcionamento do centro social de maiores e da oficina de información social da entidade.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro de traballo coas e cos representantes da Casa de España en Río de Xaneiro, no marco da súa visita institucional a Brasil, co obxectivo de coñecer de primeira man a situación da colectividade galega na cidade e reforzar a colaboración en materia de atención social.
Durante a reunión, Miranda agradeceu o labor continuado da entidade, especialmente no ámbito socioasistencial, e puxo en valor a importancia da cooperación entre a Xunta de Galicia e a Casa de España para garantir apoio ás persoas galegas residentes en Río que se atopan en situación de vulnerabilidade.
A Secretaría Xeral da Emigración renovou a súa colaboración coa entidade para seguir contribuíndo ao mantemento do centro de día e da oficina de atención e información social, un servizo clave para a comunidade galega da cidade. Esta achega permite ofrecer asesoramento personalizado, acompañamento nos trámites administrativos e apoio social ás persoas maiores e ás familias que máis o precisan.
A Casa de España, entidade sen ánimo de lucro cunha ampla traxectoria, continúa a ser un referente da colectividade galega en Río de Xaneiro. O centro social de maiores que xestiona, desenvolve actividades de rehabilitación, estimulación cognitiva e acompañamento, atendendo a centos de persoas de orixe galega, moitas delas de idade avanzada.
Ademais, a súa oficina de difusión, información e asesoramento facilita á comunidade galega o acceso aos programas impulsados pola Secretaría Xeral da Emigración, contribuíndo a que as persoas residentes no Brasil poidan beneficiarse das axudas sociais e das distintas iniciativas da Xunta.
O secretario xeral subliñou que “a atención social aos galegos do exterior é unha prioridade irrenunciable da Xunta”, especialmente en países como Brasil, onde existe unha colectividade histórica e numerosa. Neste sentido, reafirmou o compromiso do Goberno galego de seguir fortalecendo a rede de apoio ás persoas maiores e ás familias galegas no exterior.
Novas relacionadas




