Miranda alenta á Casa de España de Río de Xaneiro a que continúe a ser o nexo de conexión da comunidade española en Río, en particular a galega

A Casa de España, unha entidade sen ánimo de lucro, ten como obxectivo principal servir de vínculo entre a comunidade galega, preservando a cultura e a lingua galegas.

A Xunta ten unha colaboración decidida coa Casa de España para que siga presentado servizos.

Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración á Casa de España de Río de Xaneiro
Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración á Casa de España de Río de Xaneiro
Listen to this page using ReadSpeaker
Río de Xaneiro (Brasil), 6 de xuño de 2024.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro coas e cos representantes da Casa de España en Río de Xaneiro, Brasil. Durante a reunión, Miranda expresou o seu agradecemento pola colaboración continua coa Xunta de Galicia na atención social aos galegos e galegas residentes nesta cidade brasileira.

A Secretaría Xeral da Emigración e a Casa de España renovaron recentemente o seu acordo de colaboración para seguir apoiando á comunidade galega residente en Río de Xaneiro. Este acordo inclúe unha achega por parte da Administración autonómica, destinada ao mantemento do centro de día e oficina de atención e información social que realiza tareas de asesoramento.

A Casa de España, unha entidade sen ánimo de lucro, ten como obxectivo principal servir de vínculo entre a comunidade galega, preservando a cultura e a lingua galegas. Con máis de mil afiliadas e afiliados de orixe galega, a entidade destaca polo seu importante labor socioasistencial. O centro social de maiores que xestiona ofrece actividades de rehabilitación e estimulación mental e física, beneficiando a máis de 250 persoas de orixe galega de entre 65 e 96 anos, atendidas por persoal especializado.

Ademais, a Casa de España conta cunha oficina de difusión, información e asesoramento á comunidade galega, que axuda a tramitar as solicitudes para participar nos programas e actividades organizadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

A colaboración da Secretaría Xeral da Emigración con este centro español leva anos consolidándose, respondendo á necesidade de prestar asistencia á colectividade galega residente no Brasil que se atopa en situacións de dificultade. Esta cooperación reflicte o compromiso continuo da Xunta de Galicia en mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas no exterior.

459 lecturas