Emigración destina 25.000€ á Casa de España de Río de Xaneiro para a atención social a galegas e galegos residentes no Brasil

Esta axuda ten como obxectivo colaborar no funcionamento do centro social desta entidade sen ánimo de lucro, así como para manter o punto de información e asesoramento ás e aos galegos do exterior residentes nesta cidade brasileira.

Imaxe de arquivo dunha visita do secretario xeral da Emigración á Casa de España de Río de Xaneiro
Imaxe de arquivo dunha visita do secretario xeral da Emigración á Casa de España de Río de Xaneiro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.

A Secretaria Xeral da Emigración destina, a través dun acordo de colaboración, 25.000 euros para a Casa de España de Río de Xaneiro, de cara a axudar na atención social  das e dos galegos residentes nesta localidade brasileira, tanto para o funcionamento do Centro de día como para manter o punto de información e asesoramento.

Esta entidade sen ánimo de lucro ten como finalidade servir de vínculo entre as e os membros da comunidade galega co obxectivo de manter o recordo da cultura e lingua galegas, contando con preto de mil afiliadas e afiliados con orixe en Galicia. Desenvolve un importante labor socioasistencial orientado a facer efectiva a mellora da calidade de vida das persoas anciás pertencentes á colectividade galega a través do mantemento dun centro social de maiores mediante o que executa actividades de rehabilitación e estimulación mental e física, atendido por persoal especializado, do que se benefician máis de 250 persoas de orixe galega de entre 65 e 96 anos. Ademais tamén conta cunha oficina de difusión, información e asesoramento á comunidade galega onde se axuda a tramitar as solicitudes das persoas interesadas en participar nas convocatorias dos programas e actividades que executa a Secretaría Xeral da Emigración.

A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con este centro español, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente en Brasil e que estean a pasar dificultades vitais.

201 lecturas