Miranda reafirma o compromiso da Xunta coa comunidade galega en Madrid nesta nova lexislatura

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe unha reunión coas e cos directivos das principais entidades  galegas en Madrid.

Imaxe da reunión celebrada na Casa de Galicia en Madrid
Imaxe da reunión celebrada na Casa de Galicia en Madrid
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 14 de maio de 2024.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe unha reunión coas e cos directivos das principais entidades galegas en Madrid co obxectivo de trazar as liñas de colaboración para os próximos meses e repasar a situación dunha das colectividades galegas máis relevantes do país. 

Durante o encontro, que tivo lugar na Casa de Galicia en Madrid, Miranda explicou a modificación orgánica da Secretaría Xeral da Emigración nesta nova lexislatura, así como os programas destinados a fortalecer a conexión cos galegos e galegas do exterior que actualmente están abertos como son os conectas.

Á reunión asistiron representantes do Centro Gallego de Madrid, a Xuntanza de Galegos en Alcobendas, a Casa de Galicia en Alcorcón, a Banda de Música e Investigación Albedro, o Centro Cultural Gallego Lembranzas, o Centro Gallego de Tres Cantos, a Federación de Asociaciones Gallegas en Madrid (FAGAMA), a Asociación Galega Corredor do Henares, o Centro Gallego Noroeste de Madrid, o Centro Gallego de Móstoles, a Asociación Cultural da Vieira, a Casa Galega de Fuenlabrada e a Agrupación Artística Gallega Rosalía de Castro.

Miranda destacou a traxectoria de unidade e cooperación entre os centros que veñen demostrando desde hai anos. “A maior exhibición de saúde que pode facer unha colectividade en calquera parte do mundo é a que provén da suma das forzas de todas elas. As agrupacións galegas con sede na capital de España son un exemplo tamén nisto. Despois de décadas de vida, seguen mostrando unha xenerosidade e capacidade de entendemento que non podo máis que loar cada vez que veño a esta terra, destino de tantos centos de milleiros de galegos ao longo da historia”, sinalou o secretario xeral da Emigración.

141 lecturas