Miranda preside en Montevideo a reunión preparatoria do programa ‘Reencontros na Terra’
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe unha nova viaxe pola República Oriental do Uruguai, co obxectivo de participar en diversas actividades institucionais e coñecer persoalmente a situación e novidades das comunidades galegas asentadas naquel país.
O secretario xeral da Emigración asiste hoxe, nesta primeira xornada de viaxe, á xuntanza coa directiva da Unión Federación de Sociedades Galegas de Montevideo, entidade coa que coñecerá a actualidade da importante diáspora galega na capital e no resto do país, onde residen arestora, segundo os últimos datos do INE, 40.505 galegas e galegos, dos que tres cuartas partes naceron xa no país de acollida. Nesta xuntanza, como no resto das actividades da axenda do secretario xeral, estará presente o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España en Uruguai, Andrés González Murga.
Miranda tamén presidirá –aínda nesta xornada de martes- a reunión preparatoria do programa ‘Reencontros na Terra’, que desenvolve a Secretaría Xeral da Emigración durante o mes de outubro, e polo que cada ano en torno a centenar e medio persoas galegas maiores residentes en distintos países de América poden beneficiarse dunha estadía de quince días en residencias dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, e ata dous meses e medio máis en casas de familiares.
Reencontros
A finalidade desta iniciativa da Xunta é que as persoas participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias entre eles e elas.
O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en réxime de pensión completa, levando a cabo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares da Comunidade autónoma para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día, entre os que destaca unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental e recepción institucional.
A segunda fase consiste nunha estadía xunto as súas familias de Galicia, coas que poden permanecer ata completaren un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas das persoas beneficiarias unha oportunidade única de volveren a atopar as súas profundas raíces persoais e redescubriren as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.
Novas relacionadas





