Miranda participa nos aniversarios das comunidades galegas de Zug e Zürich, e gaba o seu exemplo de integración na sociedade de destino sen renunciar ás raíces
‘A Nosa Terra’ de Zug conmemora os seus primeiros 25 anos de vida.
Como é habitual entre as colectividades na Suíza, e expoñente da unidade da diáspora, participaron da celebración outras entidades galegas presentes no país.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou este sábado no 25º aniversario do Centro Galego ‘A Nosa Terra’ de Zug, e no 35º da Asociación ‘As Xeitosiñas’ Banda de Gaitas e Grupo de Danzas de Zürich. Trátase de dúas das poboacións da Confederación Helvética con máis destacada presenza da colonia galega na súa vida social e cultural.
A este feito referiuse Miranda durante as súas alocucións ás e aos presentes en cadansúa celebración, ao lembrar que “as galegas e os galegos residentes na Suíza sodes exemplo de integración. Agora que os movementos migratorios son un dos motivos de preocupación para os gobernos de todo o mundo, ben podemos dicir, coa cabeza ben alta, que os nosos paisanos e paisanas xamais, xamais, supuxeron un problema en ningunha das sociedades de recepción. E, no caso concreto dos galegos na Suíza, fostes ingrediente necesario e punta de lanza na construción dun dos países máis e mellor desenvolvidos do planeta”.
O máximo responsable autonómico en materia de Emigración instou ás colectividades galegas “a manterdes o nivel de unidade amosado ata o momento, e a seguirdes proxectando o voso exemplar sentido e sentimento de Galeguidade nas segundas e terceiras xeracións de galegos. Todos, na Galicia territorial, coñecemos a algún galego e algunha galega criados, e tal vez nados, na Suíza. E ese galego, e esa galega, séntense e son tan ou máis galegos ca min. Dígoo con orgullo, con emoción”, asegurou Miranda.
XXV aniversario en Zug
Como vén sendo tradición entre as colectividades galegas no país centroeuropeo, participaron nesta celebración tan especial non só as galegas e galegos residentes en Zug e arredores, e as súas veciñas e veciños nativos do país, senón tamén as colectividades doutros cantóns, mesmo afastados varias horas de camiño. Así, por exemplo, deleitaron ás e aos presentes cunha actuación as e os integrantes do grupo folclórico ‘A Nosa Galiza’ de Xenebra, poboación que dista uns 300 quilómetros.
Membro da Federación de Sociedades Galegas na Suiza, o Centro Galego ‘A Nosa Terra’ de Zug ten por obxectivo fundacional a afirmación da lingua, a arte e a cultura do pobo galego mediante o fomento e divulgación de actividades culturais e deportivas entre as e os membros da entidade. Posúe un local de dous andares con salas de actividades sociais e culturais, bublioteca, sala de ensaios, e servizos de hostalaría.
Zürich
Tras saudar á colectividade galega de Zug, Rodríguez Miranda desprazouse ata Zürich, para compartir coa Asociación ‘As Xeitosiñas’ Banda de Gaitas e Grupo de Danzas o seu trixésimo quinto aniversario, que fan coincidir asemade coa celebración do Día do Pai. Convértese así a xornada de confraternidade da diáspora galega nun evento de marcado carácter familiar, reforzando a identificación coa terra de orixe e as ligazóns do núcleo familiar.
Fundada no ano 1981, ‘As Xeitosiñas’ agrupou desde un primeiro momento aos emigrantes galegos e galegas na cidade e o seu cantón, servindo de punto de referencia para manter a cultura e tradicións propias e transmitírllelas ás xeracións de galegas e galegos xa nados na diáspora. Ademais de manter actividade cultural constante, e ampliar o seu servizo á atención ás persoas maiores, desenvolve numerosas accións ao longo do ano abertas a toda a comunidade na que se asenta.
No pasado mes de setembro, o secretario xeral da Emigración participara na inauguración da nova sede da entidade, feito que amosa a súa viveza e forza actual, e a lección e inxección de futuro que supón para a Galeguidade das xeracións xa nadas no Exterior.
Novas relacionadas






