Miranda participa no 80 Aniversario do Centro Galego de Santander, e gaba o seu carácter pioneiro na unidade da diáspora

O secretario xeral da Emigración presidiu a entrega de galardóns aos socios e socias con 25 e 50 anos de permanencia na entidade.

  • Imaxe dun das actividades culturais celebradas ao longo desta semana na entidade galega na capital de Cantabria
    Imaxe dun das actividades culturais celebradas ao longo desta semana na entidade galega na capital de Cantabria
  • Imaxe dun das actividades culturais celebradas ao longo desta semana na entidade galega na capital de Cantabria
    Imaxe dun das actividades culturais celebradas ao longo desta semana na entidade galega na capital de Cantabria
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participa este mediodía nos actos de celebración do octoxésimo aniversario do Centro Galego de Santander, que preside José Antonio Otero Hermida, e que culminan a Semana Cultural dedicada a Galicia e organizada como cada ano pola entidade, na que teñen participado personaxes destacados da actualidade galega.

Tralo servizo litúrxico conmemorativo do evento na igrexa de Santa Lucía, o secretario xeral da Emigración asinou o libro de ouro da entidade, e inaugurou a mostra sobre os 80 anos da entidade, con presenza de boa parte das socias e socios. De seguido, Miranda envioulles unha mensaxe de agradecemento por todo o traballo realizado durante estas oito décadas, e a súa confianza “e a de toda Galicia e o seu Goberno” en que a colectividade que representa a diáspora galega en Cantabria ten “un futuro prometedor”.

O secretario xeral da Emigración gabou na súa intervención o carácter pioneiro do Centro Galego de Santander, por canto cumpre 80 anos desde que se fusionaran a Casa de Galicia e a Colonia Galega, dando así “orixe a esta comunidade da que hoxe celebramos a súa radiante madureza. Por iso ben se pode dicir, e eu son o primeiro en facelo, que en Santander fundáronse os alicerces da Galeguidade moderna, de presente e de futuro”.

Segundo Miranda, “a Galeguidade necesita centros unidos, fortes, que sementen unha irmandade serea e realista, afastada de localismos e personalismos. E, fronte ás dificultades e reticencias que poderiamos atopar noutros lugares, en Cantabria fixestes os deberes hai agora oitenta anos”.

Concurso literario
Rematada a alocución, foron entregadas cadansúa placa conmemorativa do evento, ademais de ao propio Miranda, ao delegado de Defensa en Cantabria, ao socio decano, e ás socias e socios veteranos con 50 anos ou máis na entidade. Tamén se entregaron ás persoas asociadas con 25 anos ou máis no Centro, e finalmente, entregáronse os premios do Concurso Literario Julio Camba, un dos que organiza a única comunidade galega con presenza en Cantabria.

1173 lecturas