Miranda leva as novidades da Estratexia Retorna 2020 ás e aos galegos de tres das principais cidades do Brasil, o terceiro país que rexistra máis retorno á comunidade

O secretario xeral da Emigración pon fin á súa primeira viaxe do ano ao Brasil cunha charla no centro Español de Santos, logo de impartilas en Rio de Janeiro e en São Paulo.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu tanto á presentación sobre as medidas de fomento do retorno como á sinatura do convenio coa Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional mantén aberto ata o 2 de xullo o prazo de solicitude das bolsas de retorno para o Ciclo Superior de Formación Profesional.

  • O secretario xeral da Emigración impartiu charlas informativas sobre a Estratexia Retorna 2020 en Río de Xaneiro, São Paulo e Santos
    O secretario xeral da Emigración impartiu charlas informativas sobre a Estratexia Retorna 2020 en Río de Xaneiro, São Paulo e Santos
  • O secretario xeral da Emigración impartiu charlas informativas sobre a Estratexia Retorna 2020 en Río de Xaneiro, São Paulo e Santos
    O secretario xeral da Emigración impartiu charlas informativas sobre a Estratexia Retorna 2020 en Río de Xaneiro, São Paulo e Santos
  • O secretario xeral da Emigración impartiu charlas informativas sobre a Estratexia Retorna 2020 en Río de Xaneiro, São Paulo e Santos
    O secretario xeral da Emigración impartiu charlas informativas sobre a Estratexia Retorna 2020 en Río de Xaneiro, São Paulo e Santos
  • O secretario xeral da Emigración impartiu charlas informativas sobre a Estratexia Retorna 2020 en Río de Xaneiro, São Paulo e Santos
    O secretario xeral da Emigración impartiu charlas informativas sobre a Estratexia Retorna 2020 en Río de Xaneiro, São Paulo e Santos
  • Os secretarios xerais da Emigración e de Política Linguística, na Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro de Santos
    Os secretarios xerais da Emigración e de Política Linguística, na Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro de Santos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, pon fin hoxe á viaxe que está a realizar polo Brasil cunha presentación da Estratexia Retorna 2020 e da evolución que está a experimentar o documento aprobado en abril do ano pasado polo Goberno galego para fomentar o retorno das galegas e dos galegos do exterior. O suramericano constitúe un dos países prioritarios na difusión do conxunto de máis medio cento de medidas destinadas a facilitar o regreso das e dos emigrantes e as e os seus descendentes orixinarios de Galicia á comunidade, xa que se trata do terceiro país en volume de regreso, segundo as cifras publicadas polo Instituto Nacional de Estadística (INE) en 2017 e o segundo durante o primeiro semestre de 2018, as últimas de carácter oficial.   

A Casa de España de Río de Xaneiro, a Sociedade Hispano Brasileiro de São Paulo e o Centro Español de Santos foron os tres escenarios elixidos para levar  aos galegos e galegas as charlas sobre as novidades que presenta a Estratexia Retorna 2020, integrada por iniciativas que pretenden cubrir as necesidades das persoas retornadas ou daquelas que están planificando a súa volta en todos os ámbitos que afectan ao seu regreso. 

Miranda, que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, tanto na sinatura do convenio de colaboración coa Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro de Santos como na presentación das medidas de fomento do retorno, puxo, ademais, nesta última o foco sobre os programas cuxo prazo de solicitude permanece aberto nestes intres, entre os que destaca as bolsas de retorno para o Ciclo Superior de Formación Profesional (FP), cuxa segunda convocatoria vén de sacar a Consellería de Educación, Universidade e Educación Profesional e que se pode pedir ata o 2 de xullo. 

“A experiencia dos nosos mozos é fundamental, tanto os que naceron en Galicia saíron ao exterior en busca de novos obxectivos como os que naceron xa nos seus países de destino, para construír esa Galicia cosmopolita e competitiva que queremos. A nosa terra está sempre aberta para vós e para os vosos descendentes, e os galegos estamos sempre encantados de recibir aqueles que nos poden axudar a mellorar, que nos aportan ideas e traballo para remar nunha mesma dirección cara o benestar de todos”, salientou Miranda.  

Unha axuda de 10.000 euros para menores de 30 anos
A convocatoria que si permanece aínda aberta é a das Bolsas de Retorno do Ciclo Superior de Formación Profesional (FP), que poderá solicitarse ata o vindeiro 2 de xullo. Dotadas cunha axuda de 10.000 euros (5.000 euros para cada un dos dous cursos de que consta), este programa da Consellería de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, incluído dentro da Estratexia Retorna 2020, busca incentivar o retorno das galegas e os galegos do exterior, non só das emigradas e emigrados, senón tamén das e dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos e filas nos centros de formación profesional da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia.

Para optar a estas últimas bolsas, o mozo ou moza debe cumprir e acreditar unha serie de requisitos tanto no prazo de presentación de solicitudes como na propia data de concesión da bolsa. Deste xeito, cando presente a súa solicitude, debe ser menor de 30 anos, estar en posesión da nacionalidade española, residir no estranxeiro e acreditar un mínimo de dous anos de residencia no  estranxeiro inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. Ademais, é necesario ser emigrante nacida ou nacido en Galicia ou ter residido en Galicia de xeito continuado durante dez anos con nacionalidade española antes de emigrar, ou ser descendente por consanguinidade dunha persoa que cumpra algunha destas condicións e ter nacido no estranxeiro; así como cumprir os requisitos académicos de acceso a ciclos de grao superior de FP.

Con carácter previo á concesión da bolsa será necesario estar matriculada ou matriculado no curso 2019/20 no primeiro curso dun ciclo de grao superior de formación profesional en réxime ordinario sostido con fondos públicos, no primeiro ano dun proxecto de formación profesional dual ou nun mínimo de 800 horas no réxime para as persoas adultas en modalidade presencial. Dado que as bolsas se conceden en réxime competitivo, haberá unha comisión de valoración que examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados ata un máximo de 18 puntos segundo o baremo establecido. Deste xeito, posuír o título de bacharelato ou equivalente valórase con 9 puntos, posuír a certificación das probas de acceso a ciclos superiores ou probas de acceso á Universidade para maiores de 25, con 5 puntos; outras titulacións, con 1 punto e vinculación con Galicia ata 3 puntos.  

686 lecturas