Abre o prazo para solicitar as bolsas destinadas á mocidade do exterior que curse estudos de FP de grao superior en Galicia

O alumnado recibirá apoio económico ao longo dos dous cursos do ciclo, aínda que debe cumprir os requisitos de matriculación e rendemento académico.

O prazo de solicitude das bolsas estará aberto ata o 2 de xullo
O prazo de solicitude das bolsas estará aberto ata o 2 de xullo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de maio de 2019.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de abrir o prazo para solicitar as bolsas destinadas á mocidade do exterior que curse estudos de Formación Profesional de grao superior en Galicia, e cuxa orde de axudas -dotada cun millón de euros- publicou o Diario Oficial de Galicia.

Educación oferta un total de 100 bolsas -dotadas con 10.000 euros cada unha delas- en réxime de concorrencia competitiva, para a que o departamento educativo do Goberno galego mobiliza un millón de euros. Os beneficiarios e beneficiarias poderán desenvolver os seus estudos ao longo dos dous cursos do ciclo, isto é o curso 2019-20 e o 2020-21. As interesadas e interesados terán un prazo de 45 días hábiles que se contarán a partir do día seguinte á publicación da convocatoria.

Esta medida, incluída dentro da Estratexia Retorna 2020 posta en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, busca incentivar o retorno das galegas e galegos do exterior, non só das cidadás e os cidadáns emigrados, senón tamén das e dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a das e dos seus fillos nos centros de formación profesional da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia.

Requisitos na solicitude e concesión da bolsa
Neste procedemento, o mozo ou moza debe cumprir e acreditar unha serie de requisitos tanto no prazo de presentación de solicitudes, como na propia data de concesión da bolsa. Deste xeito, cando presente a súa solicitude debe ser menor de 30 anos; estar en posesión da nacionalidade española; residir no estranxeiro; e acreditar un mínimo de dous anos de residencia no estranxeiro inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. Ademais, é necesario ser emigrante nacida ou nacido en Galicia ou ter residido en Galicia de xeito continuado durante dez anos con nacionalidade española antes de emigrar, ou ser descendente por consanguinidade dunha persoa que cumpra algunha destas condicións e ter nacido no estranxeiro; así como cumprir os requisitos académicos de acceso a ciclos de grao superior de FP.

Con carácter previo á concesión da bolsa será necesario formalizar a matrícula no curso 2019/20 no 1º curso dun ciclo de grao superior de formación profesional en réxime ordinario sostido con fondos públicos, no 1º ano dun proxecto de formación profesional dual ou nun mínimo de 800 horas no réxime para as persoas adultas en modalidade presencial.

Dado que as bolsas se conceden en réxime competitivo, haberá unha comisión de valoración que examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados ata un máximo de 18 puntos segundo o baremo establecido. Deste xeito, posuír o título de bacharelato ou equivalente valórase con 9 puntos, posuír a certificación das probas de aceso a ciclos superiores ou probas de acceso á Universidade para maiores de 25 con 5 puntos; outras titulacións con 1 punto e vinculación con Galicia ata 3 puntos.

5.000 euros cada curso
Cada bolsa está dotada cunha contía de 10.000 euros, que se distribuirán en 5.000 euros para cada curso. En todo caso, os pagamentos estarán condicionados aos requisitos de matriculación e rendemento académico. Neste sentido, no caso de non cumprir os requisitos de promoción a 2º curso (ter aprobado o 70% dos módulos da 1ª avaliación) e, xa que logo, non poder matricularse nel, non se percibirá a axuda do segundo ano.

352 lecturas