Miranda invita á Casa de Galicia de Ondarroa a seguir a deixar a súa pegada no País Vasco coa celebración do seu medio século de vida

O secretario xeral da Emigración anima á Irmandade Galega de Centros Galegos en Euskadi a converterse en referente do traballo dentro de toda a comunidade.

Miranda e Peso, durante a reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración
Miranda e Peso, durante a reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, animou á Casa de Galicia de Ondarroa a aproveitar a celebración do seu primeiro século de vida, que terá lugar o vindeiro ano, para seguir a deixar a súa pegada no País Vasco. O responsable do departamento autonómico trasladoulle este desexo ao presidente do centro, Armindo Peso Peso, durante o encontro que mantiveron na sede da Secretaría na capital galega. A xuntanza tamén serviu para amosar o compromiso do Goberno galego cos centros galegos espallados pola xeografía española, e nomeadamente co situado en Biscaia e coa programación deseñada para conmemorar os seus cincuenta anos de historia.

Miranda quixo facer extensiva a invitación a todas as entidades galegas desta comunidade autónoma a seguir traballando de xeito conxunto baixo o paraugas da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi para converterse nun referente cultural e social de toda a comunidade e a continuar coa intensa axenda de actividades coas que difunden a cultura e o irmandamento de todos os galegos e as galegas do País Vasco.

Unha “prolongación de Galicia en Euskadi”
A Casa de Galicia de Ondarroa fundouse en 1969 co obxectivo de “crear unha prolongación de Galicia en Euskadi, irmandando a galegos e non galegos residentes na Comunidade Autónoma Vasca, desenvolver a compenetración e coñecemento de todas as nacionalidades e rexións do estado español con Galicia e desta con aquelas, prestando atención preferente ás relacións con Euskadi, ao ser esta Comunidade Autónoma o seu ámbito territorial, e manter lazos culturais, sociais e económicos con Galicia, as súas xentes, a súa historia, a súa cultura e o seu idioma, o galego”, entre outros. Desde entón, este centro non cesou no seu empeño por levar Galicia ao corazón de Biscaia.

Dos 41.978 cidadás e cidadáns galegos que residen no País Vasco, 26.309 fano na provincia de Biscaia, 10.516 na de Guipúscoa e 5.153 na de Álava. Por provincias de orixe, A Coruña e Ourense son as zonas de procedencia de máis da metade das e dos galegos de Euskadi, con 14.045 e 11.823, respectivamente, seguidas de Lugo, con 9.083, e Pontevedra, con 7.027.

645 lecturas