Miranda intensifica o contacto coa colectividade galega no Brasil para garantir a súa atención social
Logo de manter un encontro con responsables dos centros galegos de Santos, o secretario xeral da Emigración recibiu a Tina Leiro, docente moi comprometida coa cultura galega e membro do CRE de Baía.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, está a intensificar o seu contacto coas e cos representantes da colectividade galega no Brasil por mor da complexa situación que está a atravesar o país, e cuxas consecuencias tamén están a sufrir os galegos e as galegas que residen no país. Logo de manter un recente encontro na sede do departamento autonómico na capital galega, o titular de Emigración recibiu a outra das figuras máis activas e representativa da comunidade de galegos en Salvador de Baía.
Tina Leiro, ademais dunha galega intensamente comprometida desde hai décadas coa cultura galega e de dirixir un grupo de baile na rexión brasileira, é membro do Consejo de Residentes Españoles (CRE) no Brasil. Con ela falou Miranda sobre as necesidades en materia de atención social e sanitaria que teñen as cidadás e os cidadáns os galegos que viven en Salvador, e trasladoulle a disposición da Secretaría Xeral da Emigración a seguir a colaborar para manter o traballo que se está a facer en prol tanto da cultura galega como de calquera outro ámbito en beneficio da ciadadanía galega de Salvador de Baía.
Novas relacionadas




